VOCES  CON  POSIBLES  CONFUSIÓNS

 

 

 

ablución. Cerimonia de purifica-lo cáliz e de lava-los dedos o sacerdote despois da comuñón.

oblación. Acción pola que se ofrece algo a Deus ou ós santos

 

abstinencia. Privación de carne.

xaxún. Reducción total ou parcial da inxesta de calquera tipo de alimentos.

 

abxuración. Acción de abandonar solemne e públicamente unha crenza, particularmente relixiosa.

apostasía. Acción de abandonar unha crenza.

 

aclamación. Ratificación pola voz popular da elección dun papa, dun bispo, das decisións dun concilio, etc.

proclamación. Notificación feita con certa solemnidade pola autoridade eclesiástica. / Lectura solemne da Palabra da Deus.

 

acólito. Adulto que coida o servicio do altar, asiste ó diácono e ó sacerdote nas celebracións litúrxicas. Animador litúrxico.

monago. Neno ou adulto que asiste ó diácono ou ó sacerdote na misa.

 

acristianar. Converter ó cristianismo. Evanxelizar. / Bautizar, batear.

cristianizar. Converter ó cristianismo. / Adaptar unha ideoloxía, un costume, etc. ós principios do cristianismo.

 

actos litúrxicos. Sacramentos (bautismo, confirmación...) e sacramentais (beizón feita durante a liturxia, uso da auga bendita...).

exercicios piadosos. Actos destinados á santificación e ó culto pero non litúrxicos: oración, retiro, exercicios espirituais, lectura divina, exame de conciencia, visita ó Santísimo, peregrinación, beizón da mesa...

 

adicación. Cerimonia litúrxica pola que un bispo reserva un lugar ou un obxecto exclusivamente para o culto.

bendición. Cerimonia litúrxica pola que un presbítero reserva un lugar exclusivamente para o culto. Non se usa o crisma.

consagración. Acción de dedicar a Deus de forma exclusiva. Úsase o crisma.

 

adistanasia. Non prolongar con medios excesivos e inútiles a vida do moribundo. Tamén se di “ortotanasia”.

eutanasia. Causar a alguén a morte (eutanasia activa).

 

adoración. Aplícase a Deus.

veneración. Aplícase ós santos.

 

agnosticismo. Consideración de que é imposible saber se Deus existe ou non.

ateísmo. Consideración de que é imposible a existencia de Deus

 

alianza. Acordo entre dous ou máis que compromete en plenitude ás persoas implicadas. Aplícase, por exemplo ó matrimonio.

contrato. A diferencia da alianza, non implica amizade e pode ser rescindido cando xa non interesa.

 

alocución. Discurso.

locución. Unha comunicación sobrenatural recibida ó oído, á imaxinación, ou directamente ó intelecto.  A locución é sobrenatural na forma de comunicación. É unha mensaxe extraordinaria e máis concreta cás inspiracións regulares. Moitos santos recibiron locucións, pero moitos herexes recibiron locucións do maligno. As verdadeiras, as que son unha gracia de Deus para edificar e axudar  nunha misión son recoñecidas pola súa coherencia, os froitos na persoa que as recibe, e os efectos que producen naqueles que as escoitan. 

 

ambón. Lugar elevado, de pedra ou madeira, desde o que se proclama a palabra de Deus, o salmo responsorial e o pregón pascual. Tamén se pode facer desde o ambón a homilia ou a oración universal.

púlpito. Pequena tribuna elevada desde a que se practicou a oratoria sagrada desde fins da Idade Media. Hoxe substitúese polo ambón.

 

amoral. Sen moral, falto de moral. / Que non posúe un criterio ético na súa actuación práctica por carecer de medios para distinguir entre o bo e o malo.

inmoral. Que viola os principios da moral.

 

antecristo. Período da vida de Kant anterior á publicación da disertación latina sobre o mundo sensible e intelixente, e da súa Crítica da razón pura.

anticristo. Adversario de Cristo, ou forza hostil á persoa de Cristo, diferente de Satanás pero sustentado por el, que virá nos últimos tempos antes do Xuízo Final, buscando o triunfo sobre Cristo e a súa Igrexa.

 

anticlerical. Oposición ó clero.

anticlericalismo. Oposición ó clericalismo, isto é, a que o clero, polo feito de ser tal, goce de privilexio na sociedade ou actúe en esferas alleas á súa vocación específica.

 

anxo. Criatura de natureza espiritual.

arcanxo. Anxo de superior categoría xerárquica.

 

apólogo. Relato alegórico do que se deduce un consello e no que interveñen animais ou cousas.

parábola. Relato que tamén pode ter carácter alegórico, e cuns propósitos moralizantes e de intentar deixar clara unha cuestión. Se aparecen animais (ovella perdida) non hai personificación.

 

apóstata. Quen renega da fe cristiá.

cismático. Que se separa da comunidade.

herexe. Que se separa da comunidade debido a erros doutrinais condenados. O cismático e o herexe poden acabar noutras confesións cristiás, pero non renega do cristianismo.

 

apostolado. Acción pastoral.

misión. Acción da Igrexa dirixida ós alonxados da fe e ós non crentes, incluso cando estes se atopen en países cunha maioría cristiá.

 

arrepentimento. Acción ou resultado de arrepentirse, isto é, sentir pesar por algo que se fixo ou que se deixou de facer. Pode referirse a un propósito querendo dicir que un se volveu atrás (-¿Non ías a Ourense? – Si, pero arrepentinme.)

remordemento ou remorso. Estado da persoa a quen lle desasosega a conciencia. A diferencia do arrepentimento, que pode desaparecer, o remorso é un estado reiterativo, fostigador da conciencia.

 

Ascensión. “Subida” de Xesús ó ceo.

Asunción.  Acción polo que a Virxe María “é subida” ó ceo.

 

asceta. Persoa que vive nun lugar afastado, entregada á oración e á penitencia.

místico. Persoa que se dedica á contemplación de Deus e das cousas divinas; particularmente o que chega ó estado de éxtase a través desa contemplación.

 

ascetismo. Busca da perfección  cristiá desprezando os praceres dos sentidos.

misticismo. Vivencia profunda e habitual da relación con Deus a través do ascetismo.

 

asistencia do Espírito Santo. Acción xeral do Espírito Santo na Igrexa, preservándoa do erro (infalibilidade...).

inspiración. Privilexio de profetas e apóstolos.

 

atrición. Pesar por ter ofendido a Deus. Xorde da consideración da fealdade do pecado e do medo ó castigo. Aínda que o motivo do arrepentimento non é moralmente malo, está por debaixo do amor desinteresado a Deus.                                                                                                                                                       

contrición. É a dor da alma e a detestación do pecado cometido xunto co propósito de non pecar no sucesivo. Neste acto libre e voluntario o ser humano desexaría con toda a súa alma non ter pecado.

 

aureola. Resplandor luminoso que, na arte cristiá rodea por completo o corpo dos santos, anxos ou persoas da Santísima Trindade.

nimbo. Resplandor luminoso que rodea só a cabeza.

 

basílica. Título de honor concedido polo Papa a igrexas importantes, sexan ou non catedrais.

catedral. Igrexa principal e matriz dunha Diócese onde radica a sé do Bispo e do seu cabido.

 

bautismo. Primeiro dos sacramentos, polo que se comunica a gracia e o carácter de cristián.

bautizo. Festa con que se solemniza a acción de bautizar a alguén.

 

beatificación. Rito co cal, un servo de Deus que se eleva ós altares, é proposto como modelo de vida cristiá e permítese tributarlle culto unicamente en certos lugares ou medios (lugar onde naceu, congregación á que pertenceu...)

canonización. Coincide coa beatificación salvo no feito de que non hai as restriccións mencionadas á hora de profesarlle culto.

 

caridade. É o valor fundamental para os cristiáns, é a principal das virtudes teologais. Chega máis lonxe que a distribución de bens, é expresión dun amor. A caridade non ten fundamento na filantropía senón en Deus mesmo (porque Deus é amor, estamos chamados a vivi-lo amor entre nós, a vivi-la caridade). A caridade vivida polos cristiáns non pode dispensar de practicar primeiro a xustiza, como insisten os Padres da Igrexa.

humanitarismo. Sentimento de humanidade que ten fundamento na convicción de que o sufrimento humano debe ser visto como un problema de alcance universal e prioritario. A acción humanitaria diferénciase da acción caritativa en que a primeira actúa sobre todo en casos de urxencia mentres que a segunda actúa máis sobre as estructuras e co obxectivo de que a poboación local asuma os seus propios problemas.

xustiza. Virtude cardinal consistente en dar a cada un o que necesita, dentro dos bens dispoñibles. É a concreción práctica da caridade.

 

carta apostólica. Documento papal en forma de carta dirixida a grupos específicos de persoas.

carta encíclica  ou  encíclica.  Documento  papal  normalmente sobre un tema de carácter doutrinal.

exhortación apostólica. Documento papal normalmente sobre un tema de carácter pastoral.

 

catecismo. Libro que sintetiza a doutrina cristiá.

texto de relixión. Libro que resume a doutrina relixiosa. A diferencia dos catecismos, destinados á catequese, os textos de relixión destínanse á ensinanza escolar.

 

catequese. Ó primeiro impacto da boa nova sucede normalmente a catequese, que detalla e explicita ese primeiro momento. A catequese presenta instruccións máis elaboradas.

kerigma. Predicación global da boa nova da salvación. É o primeiro choque do evanxeo que resoa a través dos séculos. Trátase de anunciar ese acontecemento e de convidar á conversión e á fe.

 

catequista. Persoa que orienta a educación da fe.

profesor de relixión. Encargado da ensinanza relixiosa no ámbito escolar, desde un punto de vista académico, máis intelectual.

 

católico. Membro da Igrexa Católica.

cristián. Seguidor de Cristo.

 

celebración. Ademais de dar importancia ós valores que se viven durante a celebración (e que se expresan en símbolos), son moi valoradas as persoas que actúan.

festa. Dá importancia ó fantasioso, ó lúdico, ó recreo. A festa cristiá supón unha intensificación da vida da comunidade en torno ós grandes valores compartidos, unha maneira de levar xuntos o esforzo por mante-la identidade propia.

rito. Moi semellante á celebración, pero cunha relativa indiferencia con respecto ás persoas que actúan.

 

celebración da palabra. Celebración da palabra de Deus constituída fundamentalmente por unha ou varias lecturas bíblicas e, precedéndoa(s), cantos, oracións, homilía, monicións... Faise nalgúns lugares en ausencia de sacerdote.

liturxia da palabra. Parte primeira das celebracións sacramentais (misa, bautismo, matrimonio...) con lecturas bíblicas, cantos, homilía, preces de diversas clases, silencio...

 

colección. Conxunto. 

colecta. Recadación. / Primeira das oracións presidenciais da misa.

 

compaixón. Relación que se establece entre unha persoa compasiva e outra que sofre e na que prima o compromiso.

piedade. Relación que se establece entre unha persoa piadosa, caritativa e outra que sofre e na que prima o sentimento e hai unha certa distancia entre ámbalas dúas persoas.

 

comunidade. Grupo de persoas marcado por intensas relacións de solidariedade, situado nun territorio e dotado de plena capacidade respecto ó seu obxectivo. Non todo grupo é comunidade (aínda que esta si é un grupo).

grupo. Colectividade identificable, estructurada, continua, de persoas que desempeñan papeis recíprocos, que seguen unha serie de normas sociais e teñen uns intereses comúns.

 

comuñón. Grupo cristián dentro do cal poden intercambiarse os signos sacramentais da unión en Cristo.

confesión. Comunidade unida por crenzas relixiosas comúns. É termo de dereito público.

relixión. No sentido de comunidade relixiosa, é termo do dereito canónico.

 

concilio. Asemblea de bispos dunha nación ou zona.

sínodo. Asemblea de bispos escollidos de diferentes partes do mundo que se reúnen en ocasións determinadas para fomenta-la unión entre o papa e os bispos e axudar ó pontífice.

 

confesión.  Un dos elementos (recoñecemento das culpas propias), do sacramento da reconciliación.

reconciliación. Sacramento polo que se perdoan os pecados.

 

confesionalidade. Recoñecemento de pertenza a unha Igrexa histórica.

confesionalismo. Endurecemento da identidade confesional nunha actitude de autoxustificación.

 

congregación. Nome xenérico para tódolos estados de vida relixiosa.

orde relixiosa.  Sociedade de relixiosos que fai votos solemnes

 

contemplación. Etapa da vida da oración na que, máis alá das palabras e das consideracións.

meditación. Reflexión realizada en ambiente de oración sobre contidos doutrinais da fe e sobre a súa incidencia na propia vida. Diferénciase da contemplación polo seu carácter discursivo.

 

credibilidade. Confianza, fiabilidade, creto.

credulidade. Facilidade para crer nas cousas sobrenaturais.

 

crenza / fe. A categoría de fe é máis profunda cá de crenza en proposicións intelectuais.A dúbida pode coexistir máis facilmente coa fe que coa crenza.

 

Cristo. O resucitado.

Xesús. O personaxe da historia que a xente coetánea viu en calidade de home.

 

custodia. Peza litúrxica de ouro, prata ou metal en que se expón o Santísimo Sacramento para a adoración dos fieis.

sagrario. Especie de armario situado no altar maior onde se gardan as hostias consagradas. / Parte da igrexa onde se gardan as reliquias e outras cousas sagradas.

 

deísmo. Doutrina que profesa a existencia de Deus e exclúe a revelación sobrenatural. Por este último aspecto, está condenado pola Igrexa.

teísmo. Crenza na existencia dun Deus único, persoal, creador e conservador do mundo. A este Deus único pódese chegar a través da razón, da conciencia persoal ou pola fe apoiada na revelación.

 

dereito canónico. Recompilación das leis xerais da Igrexa.

dereito eclesiástico. Conxunto de normas do ordenamento xurídico do Estado que regula toda a materia relixiosa.

 

descrenza. Non preguntarse polo sentido último da vida, ou resolvelo rexeitando a trascendencia.

ateísmo. Crer que Deus non existe.

 

diversión. Relaxación que se fai alonxándose do serio. É algo máis informal cá festa.

festa. Interrupción da vida ordinaria para celebra-la vida mesma, o seu destino positivo, a dita de existir cunha meta feliz.

vacación. Interrupción da vida ordinaria pero sen as altas pretensións da festa, senón como simple intermedio entre dous momentos de traballo.

 

don. Regalo que pode axudar a vivi-la gracia. Unha persoa pode ter don de linguas, de sanación... pero non vivir en gracia por non usar ben eses dons.

gracia. Participación na vida de Deus.

 

eclecticismo. Sistema filosófico ou actitude intelectual que toma o que parece bo dos diversos sistemas tratando de concilia-lo conxunto sen facer unha elaboración unitaria orixinal.

sincretismo. Unión de dúas ou máis relixións que determina un novo desenvolvemento nas crenzas e nas praxes. Prodúcese sobre todo cando hai contactos entre relixións. 

 

eclesial. Relativo á Igrexa.

eclesiástico. Relativo á xerarquía.

 

Edén. Lugar onde estaba situado o paraíso.

paraíso. Modo de existir felizmente e para sempre no alén.

 

encarnación. Convición de fe segundo a cal o Fillo de Deus manifestouse realmente en Xesús de Nazaret. Este feito de que en Xesucristo se faga efectivo ese encontro entre Deus e o ser humano é unha peculiaridade do cristianismo.

reencarnación. Crenza que existe en relixións non monoteístas e segundo a cal, a alma volve a encarnarse en corpos diferentes nas súas sucesivas existencias. Non ten nada que ver, pois, con “encarnación” (entrada anterior).

 

encíclica. Carta que dirixe o Papa ós bispos ou ós fieis

pastoral. Carta dun prelado ós seus diocesanos.

 

enculturación. Proceso de iniciación dunha persoa ou grupo na súa propia cultura ou sociedade.

inculturación. Proceso polo cal, partindo do interior mesmo da cultura, recíbese a revelación a través da evanxelización.

 

ensinanza relixiosa. Estudio da relixión só desde un punto de vista intelectual, sen que sexa necesaria a fe. É o que se estudia, por exemplo, nos centros escolares.

formación relixiosa. Ensinanza relixiosa máis educación da fe.  Esta última ten como obxectivo a maduración da fe e como non se aplica a quen non estea adherido á fe, o ámbito propio da formación relixiosa é a comunidade eclesial: parroquia, familia.

 

esotérico. Relativo a doutrinas ou prácticas que se manteñen ocultas ou reservadas unicamente para os iniciados nunha relixión ou secta.

exotérico. Contrariamente ó concepto anterior, refírese a aquilo que se pode manifestar en público.

 

espiritismo. Doutrina que considera reais as manifestacións dos espíritos e a comunicación con eles.

espiritualismo. Doutrina que recoñece a existencia do espírito como realidade superior á materia e anterior a ela. / Doutrina que considera ó espírito como o derradeiro substrato do mundo.

 

ética.  Reflexión acerca dos criterios valorativos sobre o ben e o mal. Usa unha linguaxe valorativa (“O engano atenta contra o ben común”)

moral. Conducta do ser humano que obedece a uns criterios valorativos acerca do ben e do mal. Usa unha linguaxe prescriptiva (“Tódolos adulteradores de alimentos deben ser procesados”).

 

eucaristía. Parte da misa (pregaria eucarística). / Misa.

misa. Convite pascual no que se nos dá Cristo.

 

evanxelisterio. Atril para soste-los evanxeos na misa.

facistol. Atril grande que está nos coros das igrexas para soste-los libros de canto.

 

evanxelización. É o contido da misión: o anuncio da boa nova.

misión. É o envío por parte de Deus ad gentes, coa tarefa de leva-la súa mensaxe, dirixida á conversión e á fundación da Igrexa.

 

exclusión. Proceso que afecta ás marxes da sociedade e polo cal se expulsa a alguén fóra dun grupo, dunha sociedade; e permanece fóra da rede de interrelacións.

precariedade. Designa unha situación marcada pola inestabilidade e a inseguridade respecto ó porvir económico.

pobreza. A pobreza é o estado de quen posúe poucas cousas, de quen non ten moitos bens. Sen embargo esta noción é difícil de precisar porque é relativa: un é pobre en relación a outros.

miseria. Esta palabra  designa un estado de desamparo á vez económico e moral, que se manifesta pola falta dun mínimo vital (ou dun dos factores deste) e polas consecuencias sociais desta situación: repregue sobre un mesmo, medo ós demais e ás veces perda da dignidade. A miseria é unha penuria dun carácter máis absoluto cá pobreza. Equivale a “gran pobreza”.

 

exercicios espirituais. Tempo de máis de un día no que un se adica intensamente á oración e á reflexión para unirse a Deus.

retiro espiritual. Tempo de un día ou menos adicado á oración e á reflexión como medio de estar máis unido a Deus.

 

expiación. É a cancelación do pecado. A expiación carece da connotación de tratar coa ira de Deus, de aplacala a través dun sacrificio. 

propiciación. É máis ampla: cancela o pecado e aplaca a xusta ira de Deus por medio dunha ofrenda. A crucifixión de Xesús foi tanto unha expiación como unha propiciación.

 

expiativo. Que serve para expiar.

expiatorio. Que se fai por expiación ou que a produce.

 

farisaísmo. Secta, costumes ou espírito dos fariseos.

fariseísmo. Actitude do que finxe algo que non sente e mantén unha postura falsa cara ós demais (=hipocrisía).

 

fe. Adhesión á persoa que nos fai unha  revelación.

relixión. Expresións ou manifestacións do sentido relixioso.

 

fel. Líquido segregado polo fígado. / Maldade.

fiel. Leal. / Adscrito a unha Igrexa.

 

filosofía relixiosa. Intenta coñece-la realidade no seu conxunto e alcanza a Deus ó final da súa actividade, como o que lle dá a esta plena intelixibilidade.

teoloxía cristiá. Require unha adhesión de fe. Céntrase no misterio de Deus e considera todo o demais en relación con El. Tamén require xa ó comezo unha adhesión de fe.

 

frade. Relixiosos que non fan vida retirada.

monxe. Relixioso que fai vida retirada no mosteiro.

 

fundamentalismo.  No catolicismo, oposición ó progresismo. / Nalgunhas confesións protestantes, erro segundo as cales a Biblia está inspirada verbalmente polo Espírito Santo. En consecuencia, non hai lugar para a comprensión segundo os xéneros literarios, e incluso as referencias ou datos históricos e doutras ciencias serán entendidos literalmente. / No islamismo, encarnación do Corán na sociedade. / En xeral, actitude dalgúns crentes que reclaman dunha maneira impositiva unha volta ós fundamentos da propia relixión; queren que se apliquen á letra os textos relixiosos.

integrismo. Actitude dalgúns crentes que, en nome dun respecto absoluto á tradición, manteñen unha oposición ó progresismo e rexeitan toda evolución e calquera intento de boa relación con outras relixións.

 

hospitalarios. Membros dalgunhas ordes e congregacións relixiosas dedicadas a actividades de acollida e axuda ós peregrinos e forasteiros (hospitalarios de San Xoán de Deus).

hospitaleiros. Persoas encargadas de atender e coidar un hospital, especialmente as antigas casas para peregrinos. / Membros da orde de San Xoán de Xerusalén, fundada no século XI para asistir ós peregrinos que ían a Terra Santa; sanxoanistas.   

 

hostiario. Caixa na que se gardan as hostias non consagradas.

ostiario. Clérigo que recibiu ordes menores e que se encarga de abrir e pecha-la porta da igrexa (do latín ostium 'porta').

 

Igrexa Católica Romana. A que ten a súa sé no Vaticano. En comuñón con ela están: Igrexa Católica Búlgara, Igrexa Católica Caldea, Igrexa Católica Grega, Igrexa Católica Italo-Albana,  Igrexa Católica Malabar, Igrexa Católica Romanesa, Igrexa Católica Rusa, Igrexa Católica Ucraína, Igrexa Católica Siria.

Igrexa Católica Apostólica. Secta. Tamén son sectas: Igrexa Católica e Apostólica de Francia, Igrexa Católica Francesa Igrexa Católica Apostólica e Liberal, Igrexa Católica Liberal.

 

indiferencia relixiosa. Actitude vital que prescinde de Deus.

indiferentismo relixioso. Actitude menos radical, de quen non toma partido entre as diversas formas relixiosas ou considéraas a todas por igual.

 

infusión. Bota-la auga sobre o que se bautiza.

inmersión. Bautismo introducindo o corpo na auga.

 

inspiración. Acción do Espírito Santo sobre os autores dos libros da Biblia. Por esa acción, Deus é o primeiro autor da Biblia.

revelación. Manifestación que Deus fai de si mesmo á humanidade a través da creación (en canto que por ela podemos coñecer algo do creador), ós profetas e ós autores dos libros da Biblia. O cumio da revelación é Cristo.

 

islamista. Que preconiza unha islamización absoluta do dereito e das institucións e do goberno, nos países islámicos.

islámico. Relativo á cultura e ó pensamento musulmáns.

 

laicidade. Calidade de leigo.

laicismo. Intención de rerserva-lo relixioso ó ámbito privado.

 

lei. Esixencia xeral de duración ilimitada. / Suma de tódalas prescripcións morais.

precepto. Prescripción particular, que en certas circunstancias fai referencia só a determinadas persoas. 

 

leigo. Segrar ou relixioso que non ten ministerio ordenado.

segrar. Bautizado que cumpre a súa misión cristiá no medio das realidades do mundo. Non inclúe este termo ós relixiosos.

 

liberdade da Igrexa. Liberdade que a Igrexa Católica, en tanto que autoridade espiritual, debe ter na sociedade humana e ante calquera autoridade pública.

liberdade relixiosa. Liberdade que teñen os grupos de persoas para vivir comunitariamente as súas respectivas relixións.

 

lícito. Que é legal, admitido, permitido pola lei.

válido. O que produce o efecto desexado. Non todo o que é válido é lícito. Por exemplo, un sacerdote que celebra a misa onde o Bispo non lle permite, celebra ilícitamente, aínda que a misa sexa válida, isto é, verdadeiramente é misa.

 

maxia. Intención de dominio sobre as forzas da natureza mediante técnicas máis ou menos ocultas.

superstición. Crenza ou práctica ritual que pode te-la intención de domina-la natureza (maxia) ou evita-lo sagrado, por consideralo algo tabú.

 

ministerio. Acción determinada exercida por persoas capacitadas e destinadas para iso, que asumen cunha especial responsabilidade unha tarefa importante para a comunidade  cristiá. Poden ser ministerios ordenados (bispos, presbíteros, diáconos) ou laicais (animador litúrxico, responsable parroquial, ministerio de caridade).

servicio. Acción espontánea (feita por conta propia) ou determinada (con recoñecemento dos demais) que se ofrece na comunidade. Exemplos de servicios espontáneos: visita a un enfermo, acollida dun inmigrante, colaboración nunha celebración... Exemplos de servicios determinados: catequista, membro do equipo de atención ós enfermos...

 

misterio. Representación teatral que colle o tema das Sagradas Escrituras.

paixón. Drama relixioso que representa un milagre ou un tema moral.

 

modernidade. Busca racionalmente a novidade, o progreso, e considera caducado o antigo.

posmodernidade. Comproba as dificultades da ciencia e da técnica para consegui-lo ben do individuo (que atope sentido á súa vida...) e o difícil que resulta a existencia dun saber totalizante.

 

moimento. Monumento fúnebre; mausoleo.

monumento. Construcción notable.

 

moralidade. Concepción do deber como algo que dignifica ó ser humano.

moralismo. Concepción do deber como algo que se debe soportar só porque Deus o imporía  caprichosamente.

 

Nadal. Día no que se conmemora o nacemento de Cristo.

Natividade. Nacemento de Cristo.

 

noviciado. Tempo de preparación dos relixiosos aínda non consagrados previo á proclamación dos votos.

postulantado. Período de tempo previo ó noviciado no que os aspirantes á vida consagrada, antes de ingresar nela, son probados nas súas cualidades e condicións.

 

ordenado. Que recibiu ordes sagradas.

ordenando. Que vai recibir ordes sagradas.

 

ortodoxia. Doctrina correcta.

ortopraxe. Maneira de demostrar, na práctica, a verdade da doutrina, por medio da acción.

 

panenteísmo. Idea segundo a cal o mundo é Deus, pero Deus non se identifica co mundo (non se esgota nel). Considérase que Deus non é unha persoa, senón unha esencia.

panteísmo. Identificación do mundo con Deus.

 

panxoliña. Cantiga de Nadal (de Pange lingua, primeiras palabras dun canto litúrxico) (= nadais, manueis, reis).

vilancico. Cantiga de Nadal (de vilán, por seren cantados por habitantes do campo, en lembranza dos pastores de Belén). Segundo Rodrigues Lapa, os vilancicos españois e portugueses nacen dos galegos. Aínda que non hai distinción entre as dúas denominacións, o uso tende a preferir para as pezas de música culta esta segunda forma.

 

peditorio. Acción de varias persoas andaren pedindo para obxectivos benéficos.

petitorio. Relativo á acción de pedir. / Petición, pedimento.

 

peregrino. Persoa que por devoción ou voto vai visita-los restos do apóstolo Santiago ou fai o Camiño.

romeiro. Persoa que por devoción ou voto vai a Roma. / O que participa nunha romaría.

 

pluralismo. Non hai contradiccións entre distintas explicacións da realidade, senón complementariedade.

relativismo. Maneira de pensar segundo a cal tódolos puntos de vista son válidos, co cal dá por válida unha afirmación que negue outra.

 

postulador. Eclesiástico que promove unha causa de beatificación ou canonización.

postulante. Persoa que pide entrar nunha orde ou congregación relixiosa.

 

precepto. Norma.

preceuto. Obriga de confesar ó menos unha vez ó ano.

 

presbítero. Ordenado.

sacerdote. Ademais do sacerdocio ministerial, hai o sacerdocio rexio, o de tódolos fieis.

 

previdencia. Capacidade mediante a cal un suxeito é capaz de anticipa-lo coñecemento dun suceso a través da inspiración divina ou pola súa propia capacidade. Na historia do cristianismo poden recoñecerse certas formas de previdencia a través das profecías.

Providencia. Disposición de Deus.

 

procesar. Someter a un proceso de elaboración. / Formar proceso xudicial a alguén.

profesar. Ingresar nunha orde relixiosa facendo os votos correspondentes.

 

profano. Non sagrado. / Indigno, irreverente, sacrílego. Soe ter unha acepción máis exterior.

sacrílego. O que comete falta de respecto grave contra unha cousa sagrada. Soe ter unha acepción máis interior e moral.

 

profecía. Pode conter un vaticinio, pero non necesariamente.

vaticinio. Predicción de acontecementos futuros que leva a cabo un suxeito en virtude dunha inspiración divina ou por unha capacidade propia.

 

promesa. Compromiso explícito de que se vai cumprir aquilo que se decidiu. Apóiase na dignidade humana.

xuramento. Cando se mete a Deus por medio para absolutiza-la verdade do compromiso.

 

providencial. Relativo á Providencia, é dicir, ó coidado que Deus ten do que creou.

providente. Dise da persoa que dá ou toma as providencias necesarias para un fin.

 

reparación. Acto de facer enmenda. Implica a intención de restaura-las cousas á súa condición de normalidade e pureza, a como estaban antes de que se fixese algo malo. Aplícase xeralmente a recompensar polas perdas sufridas ou os danos causados por unha mala acción moral. Con respecto a Deus, significa recompensar con mayor amor polo fracaso no amor a causa do pecado; significa restaura-lo que foi injustamente tomado e compensar con xenerosidade polo egoísmo que causou a inxuria.

satisfacción. Reparación necesaria polos pecados por medio dalgunha penitencia.

 

resucitar. Volver á vida, non coas mesmas células, corrompidas no sepulcro.

revivir. Reanimarse.

 

rito. Cerimonia que se realiza segundo unhas pautas.

ritual. Libro litúrxico que contén os ritos das celebracións sacramentais.

 

sacerdocio secular. Ten unha misión cristolóxica, desde arriba (representa autenticamente a Cristo ante a comunidade e ó seu servicio. A súa misión fai nace-lo tipo de consagración que lle é propia. O individuo non se fai sacerdote en primeira instancia para ser un experto do valor relixioso, senón que o primeiro é ofrecer á comunidade o servicio da representación auténtica do Señor. As súas promesas son para exercer mellor o seu ministerio.

vida consagrada. A súa misión é eclesial. O seu tipo especial de consagración fai nace-la súa misión. O indiviudo faise relixioso para ser, en primeira instancia, un experto do valor relixioso. As súas promesas constitúen un aspecto da súa mesma existencia.

 

sacramento. Cada un dos sete signos sagrados instituídos por Cristo. 

sacramental. Signo sagrado instituído pola Igrexa co cal se obtén un beneficio espiritual. Pode formar parte dun sacramento ou ser algo independente, como no caso das bendicións. Sacramentais cousas: auga, velas, cinsa, anel de voda, ramos bendicidos; sacramentais accións: exorcismos, beizóns, consagracións (profesións relixiosas, dedicación dunha igrexa, beizón do abade, consagración das virxes).

 

salesa. Relixiosa da orde da Visitación de Santa María, fundada por S. Francisco de Sales.

salesiana. Relixiosa da congregación Sociedade de San Francisco de Sales, fundada por S. Xoán Bosco.

 

san. (Ante nomes que comecen por consoante)

santo. (Ante nomes que comecen por vocal)

 

secularismo. Ruptura  co relixioso.

secularización. Lexítima autonomía do temporal.

 

sucesión apostólica. Conservación da forma de vida e da doutrina transmitidas desde os apóstolos e sucesión ininterrompida de ministros ó fronte das comunidades.

sucesión episcopal. Sucesión ininterrompida de bispos. Non se sabe seguro se houbo sucesión episcopal en tódalas comunidades durante os dous primeiros séculos, aínda que si houbo sucesión apostólica.

 

teodicea. Sección da teoloxía filosófica que intenta mostra-la xustiza de Deus a pesar da presencia do mal na historia.

teoloxía natural ou filosófica. Estudio crítico e sistemático da existencia de Deus, os seus atributos, as súas relacións cos criaturas, pero feito tan só coas facultades humanas ou naturais.

 

testemuña. Persoa que coñece un feito.

testemuño. O que serve de proba de algo

 

vixilia. Acto de penitencia consistente en absterse de comer carne.

xaxún. Acto de penitencia consistente en facer unha soa comida ó día (aínda que tamén se permite unha pequena cantidade pola mañá e pola noite) o Mércores de Cinsa e o Venres Santo.

 

xacobeo. Relativo ó apóstolo Santiago ou ó seu culto.

Xubileo. Ano de celebración especial en Santiago de Compostela, cando a festividade do Apóstolo cadra en domingo. / Peregrinación a Santiago de Compostela.

 

 O Acordo coa Santa Sé establece que a materia de relixión inclúese “en condicións equiparables ás demais disciplinas fundamentais”. Pois ben, a mediados dos anos 1990, o Consello de Estado fixo unha distinción moi rebuscada entre equiparable e identificable, como se non fosen o mesmo. O significado de equiparar é ‘igualar, poñer ó mesmo nivel’.