A

 

abacial. Relativo á abadesa, ó abade ou á abadía.

 

abade. Superior dun mosteiro.

 

abadía. Igrexa ou mosteiro rexido por un abade ou por unha abadesa. / Casa do crego que rexenta unha parroquia.

 

abadoloxio. Relación de abades ou abadesas dun mosteiro ou dun convento.

 

absolución. Perdón dos pecados. Absolución xeral. Absolución impartida a varios fieis á vez sen previa confesión individual. É posible só no caso dun perigo de morte inminente ou de grave necesidade.

 

abstinencia. Práctica pola que un individuo ou unha comunidade se priva de algo, normalmente, de relacións sexuais ou de certos alimentos durante certos días. / Disposición disciplinaria da Igrexa que prohíbe certos alimentos algúns días do ano.

 

abxuración. Solemne retractación dunha herexía, un cisma ou un culto pagano que se tiñan antes da volta á fe.

 

Acción Católica. Asociación de católicos que, desde o seu propio ambiente, traballan a prol da extensión da mensaxe de Xesús. As súas notas características son: eclesialidade, isto é, asunción como propio do fin xeral apostólico da Igrexa; secularidade, é dicir, protagonismo dos leigos; unidade, á maneira dun corpo orgánico e a comuñón e cooperación estreita coa pastoral eclesial.

 

acción de gracias. Oración na que se agradece a Deus ou ós santos un beneficio recibido: a vida, un carisma...

 

acción pastoral. Conxunto de actividades que a Igrexa leva a cabo para establece-lo Reino de Deus.

 

acetre. Caldeiro de auga bendita que se usa para as aspersións litúrxicas. A auga recóllese do acetre e dispérsase co hisopo.

 

acólito. Axudante do diácono ou do sacerdote.

 

acollida. Maneira de recibir a alguén e de comportarse con el cando se presenta. / Lugar ou servicio que ten como función a de recibir a persoas que buscan axuda (para un servicio determinado, unha información, combate-la soidade...). Pode  ser  un  punto  de  encontro

entre unha institución e a persoa que pide axuda ou un centro que acolle a persoas ás que hospeda ou dá comida, consello...

 

actitude. Disposición do ánimo. Actitudes litúrxicas. As actitudes maniféstanse externamente e, no caso das litúrxicas, poden ser máis dinámicas (procesión) ou menos (permanecer de pé como expresión de alegría e forza; estar sentado, expresando receptividade; xenuflexión, inclinación, postración. Esta última actitude, propia dos ordenandos, é unha pregaria intensa. Actitude moral cristiá. Conxunto de posturas anímicas que levan a reaccionar positiva ou negativamente ante os valores éticos. É unha tendencia á perfección, apoiada na palabra de Deus. Actitude relixiosa. Proxecto de vida comprometido na entrega a Deus e ó próximo.

 

adoración. Reverencia a Deus. A adoración de imaxes é en sentido relativo; por exemplo, a adoración da cruz a quen se dirixe realmente é a Cristo.

 

Adoración nocturna española. Asociación que adora e vela ante Xesucristo sacramentado durante a noite. Iniciouse en 1877.

 

adoratriz.  Monxa dunha orde relixiosa fundada no século XIX por Mª Micaela do Santísimo Sacramento, que ten como fin principal, ademais da adicación do Santísimo Sacramento, a educación e rehabilitación de mulleres novas.

 

adro. Espacio cuberto que hai á entrada dalgúns templos. Adral.

 

adulto. Cando se trata de recibi-lo bautismo, persoa maior de sete anos.

 

Advento. Preparación do Nadal.

 

advocación. Calquera dos títulos que se dan a un templo, capela ou altar por estar adicado á Virxe, a un santo ou a un misterio da relixión.

 

agonizante. Relixioso que ten por misión principal asisti-los moribundos.

 

agostiño. Relixioso que segue a regra de Santo Agostiño. Fins: culto, apostolado, ensinanza e misións. Vestidura: hábito talar de pano negro, anchas mangas, esclavina e capuchón, cinto negro.

 

aleluia. Canto de aclamación usado na liturxia ou na música.

 

alén. Realidade existente trala morte.

 

alimento. Deus deixou no mundo alimento para as criaturas, tamén alimenta o seu pobo coa súa palabra e El mesmo entrégase como alimento ós seus fillos.

 

altar. Mesa sobre a que o cura celebra a misa. Ara.

 

ama de cura. Criada de crego. 

 

ambón. Zona destacada da igrexa desde a que se proclaman as lecturas.

 

amén. Palabra hebrea coa que se soen remata-las oracións ou as afirmacións de fe. Ó dicir tal palabra maniféstase a convicción do que o afirmado é verdade, seguro e digno de confianza; que resiste e serve de apoio.

 

amoestación. Comunicación pública que se fai na igrexa das persoas que van casar para que os fieis indiquen se existe algún impedimento. Monicións, proclamas.

 

amor. É un don de Deus e unha tarefa ante Deus. O divino outórgase gratuitamente ós seres humanos e estes responderán amando a Deus e ó próximo, dando así un sentido ás súas vidas.

 

anagoxía. Éxtase. / Interpretación mística dos libros sagrados.

 

Andrés de Teixido, Santo. Santuario que convoca xente sobre todo os domingos de setembro, o 29 dese mes e o 30 de novembro. Os asistentes participan das misas solemnes, das procesións, da exposición de reliquias e do xantar campestre.

 

animador litúrxico. Responsable laico do equipo litúrxico. Coordena ós lectores, cantores, monitores.

 

antealtar. Espacio contiguo a un altar e que o precede.

 

Antigo Testamento. Libros bíblicos escritos antes de Cristo.

 

antipapista. Individuo que non recoñece a autoridade do Papa.

 

antisectas, movemento. Movemento que se ocupa de frea-lo avance das sectas perigosas. Neste movemento á súa vez hai o perigo de cargar de emotividade o termo "secta" dunha maneira indiscriminada. As actuacións concretas son: consello psiquiátrico en profundidade, desprogramación, secuestro do adepto para liberalo da secta, etc.

 

antiteísmo. Ataque encarnizado da idea de Deus en virtude do principio de que esta idea só é a proxección da persoa ideal segundo o ser humano.

 

anulación de matrimonio. Xuízo polo que a autoridade eclesiástica competente recoñece a nulidade dun matrimonio.

 

Anunciación. Mensaxe do anxo Gabriel á Virxe María para lle anuncia-lo misterio da Encarnación. / O día en que se conmemora ese anuncio.

 

anxo. Criatura espiritual (con intelixencia e vontade), persoal, inmortal. É servidor e mensaxeiro de Deus. Anxo da garda. Protector que acompaña a cada ser humano desde o seu nacemento por vontade de Deus.

 

Apócrifos. Libros de escritores xudeus (desde o século II a. C.) ou dos primeiros cristiáns (ata o s. IV d. C.) que gardan algunha semellanza cos libros bíblicos, pero que non foron incluídos no canon ou lista das Sagradas Escrituras. Intentan completar sobre todo a infancia de Xesús con narracións marabillosas.

 

apoloxética. Teoloxía fundamental

 

apostolado. Resposta a unha chamada de Cristo para que o inter-pelado dea a coñece-lo amor de Deus. Esta maneira de responder é idéntica á vivida polos apóstolos e á misión recibida: facer discípulos. / Obra organizada para a promoción da santidade cristiá: apostolado dos enfermos, apostolado do mar. / Apostolado da oración. Asociación que promove entre os fieis o ofrecemento das súas persoas e da súa vida cotiá a Deus pola Igrexa e pola salvación do mundo. Hai unhas intencións concretas, designadas mensualmente sobre cuestións de actualidade. / Apostolado segrar. Participación dos segrares na misión evanxelizadora da Igrexa.

 

apóstolo. Cada un dos doce discípulos que Xesús elixiu para inicia-la predicación da súa doutrina.

 

Apóstolo. Santiago. Un motivo da devoción ó Apóstolo por antonomasia é a de envolverse na frescura e firmeza da fe que el predicou, nos primeiros tempos do cristianismo.

 

arcebispo. Prelado encargado dunha arquidiócese, isto é, un conxunto de dióceses.

 

Arcebispo. Órgano oficial da Igrexa.

 

arcediagado. Xurisdicción dun arcediago.

 

arcediago. Diácono-xefe dunha igrexa. / Persoa que está ó frente dun cabido.

 

arciprestado. Grupo de parroquias contiguas.

 

arquivos eclesiásticos. Conxunto de documentos reunidos pola Igrexa no exercicio das súas actividades. A. diocesano, con documentos referidos ás dióceses e ás parroquias. A. histórico, con documentos de valor histórico da Diócese. A. parroquial, a. catedralicio, con documentos das igrexas. A. secreto, sección do arquivo diocesano con documentos que deben ser custodiados baixo segredo.

 

arrelixiosidade. Carencia de relixión. Non hai pobos sen relixión.

 

arrepentemento. É un alonxamento do pecado e unha aproximación a Deus, facendo que El centre a vida, que resulta así renovada moralmente.

 

arte. Capacidade humana para crear beleza. A arte é apertura ó misterio é á relixiosidade. Sen a arte, o ser humano permanecería bastante cego a si mesmo, ó seu mundo interior. Arte do demo. Dise do que parece inexplicable. Na arte do demo. Rapidamente. Artes marciais. Conxunto de técnicas de defensa e ataque persoal de orixe oriental. Tamén recollen aspectos espirituais, incompatibles co cristianismo.

 

artigo de fe. Verdade revelada que vén no credo.

 

Ascensión. Teoloxicamente, significa que a condición de Cristo resucitado leva consigo que El posúa estes rasgos: señorío sobre todo o creado, superación de tódalas limitacións de espacio e tempo, dispoñibilidade universal.

 

ascese. Conxunto de esforzos cos que se busca o progreso na vida moral e relixiosa, para cumpri-lo ideal exposto no sermón da montaña.

 

asceta. Practicante do ascetismo.

 

ascética. Disciplina teolóxica que estudia a ascese cristiá.

 

ascetismo. Busca da perfección cristiá despreciando os praceres dos sentidos.

 

asemblea. Conxunto de persoas animadas por un común espírito de irmandade.

 

Asignación tributaria voluntaria. Porcentaxe do Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) que serve para que o Estado contribúa ó sostemento económico da Igrexa católica.

 

asociación. Institución ou sociedade de individuos unidos por un mesmo fin. Organizacións de persoas cuns fins humanitarios: Cáritas, Mans Unidas. Equipos de leigos cunha finalidade apostólica: equipos de matrimonios, Acción Católica. Comunidades de relixiosos (congregacións, ordes) ou leigos (ordes terceiras, institutos seculares, comunidades de base) que comparten os seus bens. Outra diferencia entre estas tres formas asociativas é que a relación entre os membros é máis funcional (primeiro tipo) ou máis persoal (último tipo).

 

Asunción.  Diferénciase  da  Ascensión   en  que  nesta  Cristo “ascende” e na Asunción María “é ascendida”.

 

asuncionista. Membro da Congregación dos Agostiños da Asunción. Os seus fins son: apostolado, ensinanza, prensa, obras benéficas, servicio en parroquias, obras misionais...

 

atentado. Nun proceso levado segundo o dereito canónico, é unha innovación sobrevinda por parte do xuíz en prexuízo dos demandantes, e contra a súa vontade ou dunha das partes en prexuízo da outra, xa afecte a innovación ó fondo do proceso ou ós prazos concedidos.

 

ateo. Que di que Deus non existe. Para os ateos, hai algunha rama da ciencia ou da psicoloxía que fai innecesaria a crenza relixiosa. (Algo que para os teístas carece de fundamento lóxico).

 

atributos de Deus. Características do obrar de Deus na historia: santidade, bondade, misericordia, fidelidade, xustiza...

 

auga bendita. Auga que recibiu a beizón apropiada e que recorda o bautismo. A. bautismal, usada no bautismo; a. gregoriana, feita con sal, viño e cinsa para consagrar templos e altares; a. b. común, para a bendición de persoas e cousas en xeral e para o ritual exorcista.

 

austeridade. Actitude espiritual que capacita á persoa para tomar decisións radicais. Ademais da sobriedade, encarna outros valores: amor ós semellantes, xustiza, equidade, esixencia para cun mesmo, eficacia nas actividades.

 

autoridade cristiá. Radica nos pronunciamentos ex cathedra do Papa, situándoos no contexto da responsabilidade colexiada dos bispos e da acollida de toda a Igrexa.

 

auxilios espirituais. Sacramentos administrados cando o que os recibe está en perigo de morte.

 

averno. Inferno.

 

avogado do diaño. Opoñente nos procesos de beatificación e canoni- zación.

 

axente de pastoral. Membro da Igrexa que leva a cabo un labor específico a prol do Reino de Cristo: bispo, presbítero, relixiosas e relixiosos, leigas e leigos ós que se lles asignaron tarefas apostólicas.

 

axeonllarse. Adoptar unha postura de reverencia dobrando un ou dous xeonllos durante o canon da misa e cando se pasa ante o Santísimo exposto.

 

 

 

 

 

B

 

bacharel. Persoa que rematou o primeiro grao académico nas facultades eclesiásticas de filosofía, teoloxía e dereito canónico.

 

báculo. Caxato que simboliza o ministerio de bispo.

 

badaleo. Acción de repenicar unha ou máis campás á vez.

 

balandrán. Capa sen mangas, longa e cumprida, de uso eclesiástico.

 

banquete. Comida con moitos convidados feita con motivo dunha celebración festiva. En xeral, é símbolo de participación nun mesmo proxecto. En particular, simboliza a comuñón dos santos, isto é, a beatitude celestial pola participación da mesma gracia e da mesma vida.

 

baptisterio. Parte da igrexa onde se celebra o bautismo.

 

barnabita. Crego regular de San Paulo Apóstolo. Fins: ensinanza, misións, ministerio pastoral.

 

base. Grupo humano formado por oprimidos e persoas que, por opción, fan súa a causa desas persoas. É dicir, unha persoa pode estar na cúpula eclesiástica pero ser da base.

 

basílica. Templo de significación destacada.

 

basilio. Monxe dunha comunidade monástica que segue a regra de San Basilio.

 

bauticeiro. Bautizo, bateo.

 

bautismo. Sacramento que nos incorpora á Igrexa.

 

beguino, -a. Persoa que ten unha devoción relixiosa estricta e minuciosa. Begardo.

 

beicer. Invoca-la protección de Deus con palabras e cerimonias rituais. / Conceder Deus a súa gracia (Deus beiceu o pobo de Israel). Bendicir.

 

beizón. Acción ou palabras coas que se bendí. / Rito ou fórmula litúrxica para demanda-la protección divina ou para consagrar persoas ou cousas. Estas últimas, ou ben son obxectos cos que se vai servir a Deus, ou son obxectos profanos pero a Igrexa os bendí tendo sempre presentes ós seres humanos que os usarán. / Beneficio divino.

 

belén. Nacemento en miniatura que representa o de Xesús. / Lío.

 

benaventurado. Ditoso.

 

benaventuranza. Felicidade. O ben total no que o ser humano atopa a súa perfección, co gozo que isto comporta. / Sentencia exclamativa que comeza coa palabra “benaventurado”. / Benaventuranzas. Serie de nove sentencias con que comeza o sermón da montaña e que sintetizan a mensaxe de todo o Evanxeo. Veñen a ser, pois, como o programa de vida cristiá, un resumo da felicidade humana. En concreto, describen a condición futura do ser humano no Reino de Deus. O sono dos xustos.

 

bendición. Acción ou palabras coas que se bendí. / Rito ou fórmula litúrxica para demanda-la protección divina ou para consagrar persoas ou cousas. Estas últimas, ou ben son obxectos cos que se vai servir a Deus, ou son obxectos profanos pero a Igrexa os bendí tendo sempre presentes ós seres humanos que os usarán. / Beneficio divino. Bendición constitutiva. Bendición do que se destina ó culto: abade, igrexa, obxectos. Bendición invocativa. Bendición de alimentos, locais profanos.

 

bendicir. Invoca-la protección de Deus. / Conceder Deus a súa protección.

 

benedictino. Monxe bieito.

 

bens comúns. Bens que poden ser participados por toda a humanidade. En concreto, son a paz, a cultura e os bens materiais xustamente distribuídos. Bens espirituais. Méritos, boas obras e oracións dos fieis, que constitúen o tesouro da Igrexa e, en certa medida, son comunicables entre as persoas.

 

bernardo, -a. Monxe ou monxa da orde cisterciense fundada na Idade Media por Bernaldo de Claraval.

 

betlemita. Irmáns de Belén. Fins: Asistencia a enfermos, educación de nenos pobres.

 

bieito. Benedictino. Fins: contemplación, liturxia. Vestidura negra: túnica talar, escapulario e pequeno capuchón, cinto de coiro.

 

bispo. Prelado que dirixe espiritualmente unha diócese.

 

blasfemia.  Expresión  inxuriosa  contra  Deus,  a  Virxe  ou  os santos.

bolsa de corporal. Onde se garda o corporal unha vez terminada a misa.

breviario. Versión abreviada nun só volume dos catro en que se publicou o texto completo da liturxia das horas.  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

C

 

cabido. Colexio  de  sacerdotes  que  celebran  solemnidades na catedral. / Reunión (en sesión ordinaria ou extraordinaria) dese colexio de sacerdotes.

 

cabildro. Adro, sagrado.

 

cabodano. Funeral no aniversario da morte dunha persoa

 

cadea de oración. Papel anónimo que aparece entre a correspondencia cunha oración escrita e unha advertencia de que cómpre reenvia-lo texto para non rompe-la cadea. Os membros da Igrexa poden promove-la oración masiva (Día da Familia) pero non ameazar con males se non se fai, ou prometer que se resolverán tódolos problemas ó facelo.

 

caída. Desobediencia de Adán que provocou a aparición da enfermidade, a morte e unha alienación do ser humano para con Deus, os outros humanos e a natureza. Como solución a isto témo-la crenza en que a obra de Xesús restaura ó ser humano.

 

caldeiriña. Vasilla pequena de metal para a auga bendita.

 

cáliz. Recipiente en forma de copa con ancha apertura. Na liturxia cristiá, é o vaso sagrado por excelencia, indispensable para o sacrificio da misa xa que debe conte-lo viño que se converte no sangue de Cristo.

 

camaldulense. Ermitán adicado á contemplación. Vestidura branca: túnica talar, escapulario e pequeno capuchón, cinto de coiro.

 

camilo. Membro da Orde de Ministros dos Enfermos.Visten con sotana.

 

Camiño de Santiago. Camiño histórico que vai desde varios lugares europeos ata Santiago de Compostela. O 70% dos que fan o Camiño ten motivos relixiosos.

 

Camiño Neocatecumenal. Camiño vital polo que se redescobre o sentido do bautismo. Nuns poucos anos pásase polas que se consideran tres etapas fundamentais da vida cristiá: humildade, simplicidade e loanza. Tras esas etapas cada un incorpórase á vida da parroquia como animador, ou ofrécese como catequista de novas comunidades tanto na súa terra como fóra. O Camiño Neocatecumenal crea colexios diocesanos para a formación ó presbiterado para a nova evanxelización. Está presente en moitas parroquias.

 

Campio de Entines, San. Santuario do concello de Ordes. O primeiro domingo de xullo e o 29 de setembro celébranse romarías, que comezan na fonte da Virxe do Rial. As dúas igrexas teñen cadanseu cruceiro, ó redor dos cales dan voltas os ofrecidos.

 

canciller. Secretario da curia.

 

campanario. Torre onde están as campás. Antes de ser instalada a campá, procédese ó seu bautismo, isto é, a bendicila.

 

campaneiro. Encargado de toca-las campás. Sineiro. / Persoa que fai campás.

 

Candeloria. Festa da purificación da Virxe María. Día de Candeas e Presentación do Señor.

 

canon. Parte da misa entre o ofertorio e o Noso Pai. / Cada unha das leis do Dereito Canónico. / Lista de libros recoñecidos pola Igrexa como inspirados por Deus.

 

canonicato. Dignidade ou funcións de cóengo.

 

canónico. Relativo ou conforme ós cánones.

 

canonista. Persoa que profesa o dereito canónico ou que ten coñecemento abondo de tal materia.

 

cántico. Canto relixioso en honra da divinidade.

 

capa pluvial. Vestidura do sacerdote en solemnidades..

 

capela. Lugar de culto en principio destinado a un grupo particular.

 

capelán.  Sacerdote encargado dun grupo de fieis normalmente menor có dunha parroquia.

 

capitular. Membro do cabido.

 

capítulo. Cada unha das partes en que se dividen os libros bíblicos. Á súa vez, cada capítulo está dividido en versículos. Capítulo de relixiosos. Asemblea na que os relixiosos tratan dos seus asuntos. Pode ser conventual, provincial ou xeral, segundo a asemblea represente a unha casa, unha provincia ou unha congregación enteira.

 

capuchino. Membro da Orde de Freires fundada por San Francisco de Asís. Fins: vida contemplativa e apostolado.

 

carácter. Signo espiritual irrevocable que adquire o cristián nos sacramentos do bautismo, da confirmación e da orde. Polo seu carácter irrevocable, aínda que alguén renegase do seu bautismo seguiría sendo dalgún xeito cidadán do pobo de Deus.

 

cardeal. Colaborador ou colaboradora do Papa. Elixe ó novo Romano Pontífice. Polo costume de escoller cardeais entre os bispos, só hai cardeais varóns.

 

cardealado. Dignidade de cardeal.

 

cardinalicio. Relativo ó cardeal.

 

caridade. Acción de prestar unha axuda e pola que se establece unha comunión entre o que dá e o que recibe (o cal implica respecto, atención ó utro...). A finalidade é a promoción das persoas.

 

carillón. Disposición dunha serie de campás para tocar harmonicamente. / Peza inspirada na música destas campás. / Instrumento formado por láminas metálicas de distinta longura que son percutidas con paos.

 

carisma. Don que Deus dá a unha persoa para que sirva mellor á comunidade e creza persoalmente.

 

carmelita. Da Orde do Monte Carmelo, reformada por Santa Teresa de Xesús. Fins: vida contemplativa e apostolado. Hábito castaño de pano fino, esclavina con capuchón.

 

carmelitano. Relativo á orde do Carmelo.

 

carraca. Instrumento de percusión usado por Semana Santa.

 

cartuxo. Monxe contemplativo. Vestidura branca: túnica talar, escapulario e pequeno capuchón, cinto de coiro.

 

casa nai. Establecemento principal dun instituto relixioso do que dependen as outras comunidades.

 

caso reservado. Culpa grave que só o superior pode absolver. Caso de conciencia. Punto dubidoso en materia moral.

 

castidade. Abstención das relacións sexuais. Xeralmente implica ou a limitación do sexo ó matrimonio ou a renuncia total ó mesmo por un tempo determinado ou indefinido. Pola castidade, a persoa domina a súa sexualidade e intégraa nunha personalidade sá. Voto de castidade. Compromiso de gardar castamente o celibato.

 

casuística. Método de estudio ou exposición de teoloxía moral usando casos concretos que poden presentar dúbidas e tratando de dar unha explicación.

 

catecismo. Texto que sintetiza a doutrina cristiá. En galego desde 1926. Catecismo da Igrexa católica. Catecismo presentado no ano 1992 e no que se recollen de maneira sinxela os temas básicos do catolicismo partindo da Biblia, a liturxia, o maxisterio.

 

catecumenado. Proceso formativo da vida cristiá. É levado a cabo tamén por adultos para profundizar na súa fe.

 

catecúmeno. Candidato ó bautismo en fase de preparación.

 

catequese. Proceso de educación da fe.

 

catequeta. Especialista en catequética.

 

catequética. Conxunto de coñecemetos relativos á catequese: historia, pedagoxía, psicoloxía dos catequizados...

 

catolicismo. A fe, ritos e moral da Igrexa Católica. Inclúe tódalas ensinanzas que deben ser cridas e vividas para ser santificado e logra-la salvación.  Chámase católico (universal) porque contén tódalas verdades de fe e moral necesarias para toda a humanidade, en tódalas circunstancias, para tódalas vocacións e para tódolos tempos.  Trátase de verdades reveladas por Xesucristo.

 

católico. Membro da Igrexa Católica. Católico romano. Cristián católico que recoñece a autoridade do Papa.

 

Cebreiro, Nosa Señora do Santo Milagre do. A igrexa de Santa Mª do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) acolle este santuario, no que se venera á Virxe dos Remedios. Tamén está exposto o cáliz chamado Grial. As festas son os días 8 e 9 de setembro.

 

celador. Fiel que se adica con celo a difundir unha forma particular de devoción ou a obras de caridade.

 

Celebración da palabra. Proclamación da palabra de Deus, acompañada de comentarios, oracións, cantos... e incluso a comuñón. Esta celebración pode facerse sen presencia de sacerdote, que, nese caso, consagraría un día precedente as sagradas formas.

 

celebrante. Persoa que participa nunha cerimonia relixiosa.

 

celestial. Relativo ó ceo.

 

celestino. Membro da congregación de monxes benedictinos que seguen a regra de Celestino V.

 

celibato. Estado de vida dos que renuncian ó matrimonio para consagrarse ó servicio divino. Profesan este estado de vida os relixiosos, as relixiosas, o clero e algúns leigos.

 

celosía. Enreixado que se pon nalgunhas fiestras dos conventos.

 

cemiterio. Desde o punto de vista relixioso, refírese ó lugar onde se enterra ós fieis cristiáns defuntos.

 

cenobio. O mesmo ca convento.

 

ceo. Estado ou situación vital de plena felicidade, compartindo a vida de Deus, no alén.

 

cera. Conxunto de candeas ou cirios que están acesos durante unha función relixiosa. O material da cera simboliza a natureza humana de Cristo, os crentes e a dispoñibilidade en mans de Deus.

 

cerimonia. Forma exterior do culto relixioso.

 

cerimonial. Relativo á cerimonia.

 

cerimonioso. Con cerimonia.

 

charlatanería. Pretensión de posuír poderes, títulos ou coñecementos inexistentes para obter un beneficio a costa dos demais. Aínda exerce a súa influencia e algúns charlatáns que promoven sectas toman certos elementos do cristianismo.

 

ciencias sagradas. Ciencias que estudian a Deus e a relación do ser humano con El. Son a eséxese, que interpreta a Sagrada Escritura valéndose de métodos científicos; a teoloxía fundamental, que estudia sobre todo a Revelación e as súas fontes (Sagrada Escritura, Tradición); a dogmática, que profundiza en todo o relativo á fe; a teoloxía moralque estudia as obrigas que ten o ser humano en canto que ten unha vocación cristiá e a santidade no amor; dereito canónico.

 

cientifismo. Tendencia ou doutrina que considera á ciencia case como unha relixión polo suposto poder dos científicos en canto tales para responder a problemas existenciais (angustia, mortalidade, bondade, verdade, beleza, temor reverencial...). Cientismo.

 

cirio. Peza cilíndrica de cera cunha mecha no seu interior. Simboliza paz, inmortalidade, manifestación de divindade, alma. C. pascual, o que se bendí o día de Pascua e que se encende durante ese período. Representa a Cristo resucitado. C. bautismal, o que se usa durante o bautizo. Representa a fe.  

 

cisma. Separación da autoridade papal.

 

cisterciense. Monxe de regra benedictina de Santa Mª de Oseira, de Sobrado dos Monxes. Hábito branco e cinto negro.

 

civilización do amor. Expresión creada polo papa Paulo VI que entrou a formar parte da linguaxe corrente. A Igrexa, sen tratar de impoñe-la súa crenza en Xesucristo, invita a todo o mundo a promover unha verdadeira civilización do amor, baseada nos valores evanxélicos da fraternidade, da xustiza e da dignidade para todos.

 

claretiano. Da Congregación de Misioneiros Fillos do Inmaculado Corazón de María. Levan a cabo ministerios apostólicos diversos.

 

clergyman. (Inglés). Traxe clerical escuro con colariño.

 

clericalismo. Maneira de organizar piramidalmente a Igrexa outorgándose o clero unha posición dominante, non só dentro da institución senón tamén fóra. Trátase de corrixir isto coa corresponsabilidade.

 

clérigo. Membro do clero.

 

clero. Conxunto de clérigos ou cregos. Divídese en clero regular, formado polos clérigos de congregacións relixiosas e clero  secular ou diocesano.

 

coadxutor. Sacerdote que axuda a un bispo ou a un párroco dunha parroquia extensa. Sotacura. Vigairo parroquial (esta última denominación é a preferida hoxe).

 

cóengo. Membro do cabido.

 

colariño. Anaco de tea ríxido que os eclesiásticos poden levar no pescozo.

 

colecta. Recolección de donativos. Durante a misa realízase a práctica litúrxica consistente en recadar aportacións económicas dos fieis para destinalas ós máis necesitados. / Oración pronunciada durante a misa e que se refire ó carácter particular que teña.

 

colexialidade. Característica do goberno da Igrexa pola cal tódolos bispos son corresponsables. Os bispos teñen autoridade en cadansúa diócese e ademais son responsables da tarefa eclesial no conxunto da Igrexa, sobre a cal teñen autoridade os papas.

 

colexiata. Igrexa con liturxia catedralicia. Igrexia colexial.

 

compaixón.  Rasgo característico da santidade cristiá consistente en ter capacidade de percibi-lo que golpea a outro e de actuar para reducir ou suprimi-lo que lle causa mal.

 

compartir. Maneira de vivir pola que se recoñece ó outro uns dereitos sobre os nosos propios bens. O compartir está relacionado coa concepción, fundamental no cristianismo, do destino universal de tódolos bens.

 

completas. Breve oración para o momento de deitarse.

 

compostelá. Documento expedido en Santiago de Compostela que acredita que un peregrino realizou polo menos 100 km do Camiño de Santiago.

 

compromiso. Acción pola que unha persoa se pon do lado do débil e loita para rematar coa situación de dependencia ou opresión.

 

comungar. Recibir a Cristo na eucaristía.

 

comunicación de bens. Acto mediante o cal, quen posúe bens compárteos con quen os necesita.

 

comunidade cristiá. Grupo de fieis que actúan a imaxe da Igrexa universal, como comunidade da palabra de Deus, comunidade de culto e comunidade de servicio caritativo, segundo o Evanxeo. Comunidade de base. Ten tres rasgos esenciais: evanxelismo, comuñón, militancia. Son unha nova maneira de ser Igrexa: Igrexa dos pobres para os pobres, con vistas á súa liberación integral á luz do Evanxeo. Comunidade internacional. A construcción dunha comunidade internacional vese favorecida por varios aspectos da fe e da teoloxía católicas: a unidade da natureza humana, o principio de caridade universal, o dereito de xentes, a promoción do ben común internacional, o fin común ó final dos tempos.

 

Comunidade de San Exidio. Asociación pública internacional de leigos que en parte ten características propias dunha familia, pois fanse distintos servicios (comedores, acompañamento a anciáns e nenos, atención a enfermos de SIDA) cun espírito de familia. E por outra parte ten características de organización estructurada, pois cada catro anos elíxese un consello e un presidente.

 

Comuñón e Liberación. Movemento cun carisma baseado en tres puntos: 1) anuncio da encarnación de Deus en Xesús; 2) afirmación de que Xesús, é un acontecemento presente nun signo de comuñón, é dicir, na Igrexa; 3) convencemento de que só mediante a forma experimentable da presencia de Xesús, o ser humano pode ser un home máis verdadeiro. O instrumento fundamental para a formación dos membros do movemento é unha catequese semanal a base de textos, meditación persoal e encontros comunitarios. Tamén hai unha educación da caridade.

 

comuñón. Acción de comungar. / Unión fraterna. / Comuñón dos santos. Fórmula segundo a cal tódolos cristiáns, en canto membros do corpo místico de Cristo, participan das gracias espirituais, os vivos das dos santos e os mortos das dos vivos. / Comuñón pascual. A que se recibe por Pascua florida.

 

concelebración. Celebración relixiosa presidida por máis de un presbítero.

 

concepcionista. Membro dunha congregación relixiosa franciscana feminina que honra á Inmaculada Concepción. Fundada no século XV. / Membro dunha congregación relixiosa de misioneiras da Inmaculada Concepción. Fundouse no século XIX para atender rapazas.

 

conciencia. Facultade ou feito de enxuicia-la bondade ou maldade dos actos. Conciencia colectiva. Maneira de pensar dun grupo. Neste concepto baséase o de pecado estructural. Conciencia moral. Xuízo que fai cada un sobre a bondade ou maldade das súas propias actitudes e accións. Liberdade de conciencia. Dereito de profesa-las opinións relixiosas ou políticas que se consideren verdadeiras.

 

concienciación.  Feito de coñece-la realidade, facendo que o ser humano se descubra a si mesmo e as súas relacións cos demais. Un proceso de concienciación forma un individuo non domesticado, solidario.

 

conciliarismo. Teoría que sostén a primacía do concilio ecuménico sobre o Papa.

 

concilio. Reunión ou asamblea de bispos. Concilio ecuménico. Reunión solemne dos bispos de todo o mundo que o Papa convoca para tratar cuestións da maior trascendencia para a vida da Igrexa.

 

concordato. Convenio de tipo global entre a Santa Sé e un goberno.

 

condenación. Separación voluntaria de Deus.

 

conferencia. Xunta que celebra cada unha das agrupacións de S. Vicente de Paúl para prepara-la visita ós necesitados. Conferencia Episcopal. Colexio episcopal dunha nación ou rexión. Aínda que cada bispo ten autoridade suprema na súa diócese, nun país ou rexión, tódolos bispos reúnense para trata-los asuntos que son comúns e para levar a cabo unha coordinación pastoral.

 

confesión.  Un  dos  elementos (recoñecemento das culpas propias), do sacramento da reconciliación. / Cada unha das divisións do cristianismo: confesión católica, protestante...

 

confirmación. Sacramento polo que nos fortalecemos para o testemuño cristián coa axuda do Espírito Santo.

 

confraría. Conxunto de confrades, isto é, de persoas que se asocian cun fin relixioso.

 

congregación. Comunidade relixiosa.

 

congregante. Persoa que pertence a unha congregación.

 

consagración. Dedicación radical dunha persoa a Deus; por exemplo, os relixiosos e relixiosas / Dedicación a Deus de obxectos e lugares para o seu culto e adoración / Parte central da pregaria eucarística na que o pan e o viño quedan consagrados e convértense no corpo e o sangue de Cristo.

 

Consello Parroquial. Grupo de fregueses, elixidos en representación da comunidade parroquial coa finalidade de asesorar e axudar  na acción pastoral ó párroco, máximo responsable. 

 

Consello Pastoral. Organismo que estudia e valora o referido ás actividades pastorais.

 

Consello Presbiteral. Conxunto de sacerdotes que colaboran directamente cos bispos.

 

consiliario. Que aconsella.

 

consistorio. Reunión dos cardeais presididos polo Papa.

 

constitucións relixiosas. Códigos básicos  que regulan a vida de cada instituto relixioso: carisma, espiritualidade, natureza, finalidade, goberno....

 

contemplativo. Relixioso/a adicado/a á oración e ó traballo na súa residencia.

 

contracultura. Mentalidade crítica coas institucións, os valores, as tradicións da cultura dominante. / Forma colectiva que toma a protesta moral contra unha sociedade secularizada e deshumanizante; neste sentido, os grupos relixiosos teñen sido cualificados de contraculturais. De feito, a actitude contracultural pode chegar a ser unha esixencia espiritual entre os crentes que negan os valores dunha sociedade deshumanizante, necesitada de evanxelización.

 

contribución á Igrexa. O 1% dos ingresos. Debe entenderse segundo o espírito evanxélico dunha entrega de corazón por amor. Persoas con recursos poderían dar moito máis, mentras que para un pobre, podería significar negarlle ós seus fillos o alimento.

 

control demográfico. Acción pola que se frea o aumento da poboación. Toda persoa ten dereito a non ser programado como un obxectivo dunha determinada política, senón a ser amado. E a humanidade debe facer que toda a poboación viva nunhas condicións xustas.

 

convento. Residencia dunha comunidade de relixiosos/as das nacidas do século XIII en diante.

 

conversión. Cambio moral ou espiritual de dirección ou adopción de crenzas relixiosas non mantidas anteriormente.

 

coñecemento. Acción de formarse unha idea. Hai tres niveis de coñecemento: 1) coñece-los conceptos da revelación; 2) coñecemento filosófico usado para explica-la fe, xustificala, defendela; 3) e un coñecemento que supera o meramente intelectual por ter que ver co compromiso de toda a vida dun coa verdade.

copón Vaso con tapa en que se conservan as sagradas hostias, para poder levalas ós enfermos,  empregala nas cerimonias de culto. Na actualidade os copóns soen ser de menos estatura cós cálices para distinguilos destes.

cores litúrxicas. As vestiduras sagradas van cambiando de cor ó longo do ano litúrxico para exterioriza-lo sentido progresivo da vida cristiá ó longo dese ano e para expresa-lo característico da celebración. Branco, úsase en tempos de Pascua e Nadal, sendo o seu significado a pureza e a inocencia. Mourado,  en Coresma e Advento, indicando penitencia. Vermello, o domingo de Ramos, o Venres Santo, celebracións de Pentecoste; o seu significado é sangue e fogo (Espírito Santo). Verde, durante o ano, como signo de esperanza.

 

Corpiño, O. Santuario na parroquia de Santa Baia de Losón, en Lalín. A romaría celébrase os días 23 e 24 de xuño. Na procesión vai a Virxe do Corpiño rodeada de xente que intenta toca-la imaxe cun pano ou con papeis ou trata de pasar por baixo das andas.

 

corpo glorioso. O dos benaventurados despois da resurrección. Corpo místico. Expresión coa que se interrelaciona Cristo e a Igrexa. Corpo santo. Espiritado.

 

corporal Peza cadrada de tela sobre a que descansa a Eucaristía. Sobre ela ponse a patena e o cáliz na misa.

 

Corpus. Día do Señor. O Corpus Christi celébrase o xoves despois da oitava de Pentecoste.

 

corrección fraterna. Amoestación que se fai a alguén para que se aparte do pecado.

 

corresponsabilidade. Situación na que se equilibra a valoración dos sacramentos do bautismo e da ordenación sacerdotal e na que tódolos membros da Igrexa son activos.

 

costume. Repetición material, ininterrompida e comunitaria dunha práctica vinculante para toda a comunidade. É fonte de dereito canónico, sempre que haxa consenso da autoridade eclesial.

 

creación. Acto de facer existir desde a nada.

 

credo. Enumeración das afirmacións fundamentais da fe cristiá.

 

crego. Membro do clero. Animador dos leigos, colaborando con eles no exercicio dos ministerios laicais. Crego regular. Crego que pertence a unha orde relixiosa ou a unha congregación. Crego secular ou sacerdote diocesano que non está ligado por votos relixiosos.

 

crise moral. Cambio na moral, que fai difícil a vida ética das persoas. Concrétase no relativismo, na dobre moral, nunha perda de sentido, en non ter clara unha visión do mundo.

 

crisma. Aceite con bálsamo que o bispo consagra na misa crismal que se celebra na Semana Santa na catedral. Este aceite úsase nos bautismos, confirmacións...

crismeira. Vaso ou ampola onde se garda o crisma.

cristiá. (Feminino).

 

cristián. (Masculino).

 

cristianismo. Relixión dos que cren que Xesucristo é o fillo de Deus, morto e resucitado. Máis que unha doutrina, é un seguimento na fe e na entrega a Cristo. É máis que un sistema de crenzas relixiosas: ó longo da historia, creou unha cultura, un sistema de ideas e de formas de vida, de prácticas, de arte.

 

cristo. Imaxe de Cristo crucificado. / Alboroto.   

 

Cristo. Título dado a Xesús polos cristiáns despois da resurrección. Expresa a plenitude do Espírito de Xesús e o cumprimento da esperanza no seu carácter salvador.

 

crítica textual. Busca da forma do texto que se pareza o máis posible á orixinal. Isto faise buscando manuscritos, establecendo as súas datas, estudiando variantes...

 

cruceiro. Espacio do interior das igrexas de planta cruciforme, onde se cruza a nave central coas laterais. / Cruz monumental de pedra. Cruceiro de término é o que marca o límite dunha freguesía ou xurisdicción. Cruceiro de encrucilladas, nos cruces dos camiños. Cruceiro das pontes, no medio delas. Cruceiro de parada, nos rueiros ou adros das igrexas, ten mesa de altar. Cruceiro devocional, construído por un particular para axuda da alma a quen está adicado. Cruceiro penitencial, construído como penitencia.

 

cruciferario. Que leva a cruz nas cerimonias relixiosas.

 

crucifixión. Suplicio da cruz.

 

cruz. Representación figurada da crucifixión de Cristo, emblema e sinal do cristianismo. Cruz arcebispal, a que ten dous traveseiros, o superior máis pequeño; é símbolo dos arcebispos. Cruz latina, a que ten maior o brazo vertical. Cruz grega, a de brazos iguais. Cruz de santo André, a que ten forma de aspa. Cruz de Santiago, a que ten forma de espada e a súa cor é vermella. Cruz peitoral, a que usan os bispos sobre o peito. Cruz procesional, a que preside as procesións. Tau. Especie de muleta en forma de T empregada polos monxes orientais que deben permanecer longo tempo de pé durante os oficios. Na Apocalipse, símbolo da cruz.

 

culto cristián. Honrar a Deus servíndoo e adorándoo. Constitúe unha resposta de loanza e acción de gracias pola revelación de Deus. Inclúe oracións e cantos de loanza, accións de gracias, confesión, oración por outras persoas, etc.

 

cultura. Todo aquilo con que a persoa desenvolve as súas cualidades espirituais e corporais; procura somete-lo mundo co seu coñecemento e traballo; fai máis humana a vida social; a través do tempo conserva nas súas obras experiencias espirituais e aspiracións para que sirvan de proveito á humanidade.

 

cura. Párroco. / Cura de almas. Obriga que contraen os cregos, de atende-las necesidades relixiosas dos seus fregueses.

 

curato. O mesmo ca parroquia.

 

curia. Organismos que administran nunha diócese (curia diocesana) ou no Vaticano (curia romana).

 

custodia. Obxecto de ourivesaría con dúas láminas de cristal entre as que se pon á adoración dos fieis a hostia consagrada.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

D

 

danza litúrxica. Acción de moverse ritmicamente ó compás da música como parte dunha cerimonia litúrxica. A Igrexa pon dúas condicións: a danza ten que expresar sentimentos de fe e adoración para poder ser unha plegaria e ten que estar baixo a disciplina dunha autoridade competente da Igrexa.

 

deado. Función e dignidade de deán. Deádego

 

deán. Alta dignidade do cabido.

 

decálogo. Dez mandamentos.

 

deidade.  Entidade á que se atribúe natureza divina.

 

demo. Satanás. Espírito infernal. Espírito maligno. Espírito inmundo.

 

dereito canónico. Código no que se recompilan as normas xerais da Igrexa.

 

dereitos humanos. Facultades fundamentais da persoa humana, baseadas na mesma dignidade de ser persoa e, para o crente, na fonte desa dignidade: Deus. O organismo eclesial que defende os dereitos humanos é a Comisión Pontificia Xustiza e Paz.

 

desacralización. Acción pola que algo que era sagrado deixa de selo, en todo ou en parte.

 

desacralizar. Quitar significado relixioso a unha festa ou a un rito tradicionalmente cristiáns. Por exemplo, realizar bautizos civís. / Revalorizar feitos humanos bos por natureza, sen ter que sometelo todo a unhas prácticas relixiosas externas.

 

descalzos, -as. Monxes que levan sandalias (franciscanos) ou van completamente descalzos (carmelitas) en sinal de pobreza ou de penitencia.

 

descrente. Persoa que non ten fe. Descrido, incrédulo.

 

descrenza. Non preguntarse polo sentido último da vida, ou resolvelo rexeitando a trascendencia.

 

descristianización. 1) Perda ou adulteración da fe cristiá por efecto do pragmatismo, do hedonismo, do verticalismo, o secularismo; 2) negación da cualidade relixiosa do cristianismo; 3) politización; 4) privatización da relixión.

 

destino universal dos bens. Situación económica na que se loita para que os bens creados cheguen a todos de maneira equitativa, tendo en conta a xustiza e a caridade.

 

deus. Calquera deidade.

 

Deus. Noso Señor. Creador. Iahvé. Xehová. O Ente Supremo.

 

devoción. Piedade, disposición de ofrecer culto a Deus. A devoción pode expresarse por medio da ascética, da peregrinación, da acción social, etc. / Práctica relixiosa pola que se honra a un santo, un sacramento...

 

diabo. Satanás.