madona. Tratamento que en Italia se lle dá á Virxe. / Representación plástica da Virxe, xeralmente co neno Xesús.
madre. Tratamento que se lle dá a certas relixiosas profesas.
maduración da fe. Proceso polo que o cristián crece harmonicamente nos aspectos intelectuais, afectivos e da vontade, para encarnar plenamente os valores evanxélicos.
Magnificat. Salmo de loanza e acción de gracias que a Virxe María, segundo a narración de Lucas, pronunciou durante unha visita ós seus parentes Isabel e Zacarías.
malabares. Católicos de rito siro-oriental (caldeo) da rexión hindú de Malabar.
man. Parte do corpo tan importante que se ten feito dela un símbolo. A man de Deus simboliza o seu poder sobre o creado por El. Os crentes estenden as mans unidas ou crúzanas cando rezan, suplican. Coa imposición de mans envíase á xente ó servicio da Igrexa. Lava-las mans é símbolo de purificación.
manda. Promesa a Deus ou a un santo para agradecer ou pedir un favor.
mandamento. Orde.
manipulación. Alteración ilícita dun estado de cousas determinado: manipulación xenética, psíquica, social... A manipulación require un dominio do obxecto a nivel de coñecementos e de técnica. Por iso, á Igrexa preocúpanlle os problemas que suscita a manipulación cando se dirixe ó ser humano (bioética).
Mans Unidas. Organización non gubernamental católica que financia proxectos de desenvolvemento en países do Sur ó mesmo tempo que leva adiante campañas de información e concienciación. Unha das súas actividades máis coñecidas é a Campaña contra a Fame.
María. Nai de Xesús. É virxe e santa. Está intimamente ligada á obra de Cristo. A devoción cristiá ve nela o modelo de fe, de amor, de cristianismo perfecto, pola súa fe e a súa entrega ó Reino de Deus. Ademais de nai de Xesús, é nai da Igrexa.
marianista. Membro da orde da Compañía de María, que ten como finalidade principal a educación.
marista. Irmán Marista ou Padre Marista adicados á ensinanza.
matinas ou matíns. Primeira parte dos rezos que se fan antes de amencer.
matrimonio. Sacramento que é signo da unión de Cristo e da Igrexa. O cristianismo propagou tres valores do matrimonio: 1) o amor matrimonial está dirixido a ter unha prole, mantela e educala; 2) o matrimonio leva consigo fidelidade. En España, ó casar pola Igrexa xa un se libra dos trámites burocráticos civís relativos á celebración matrimonial. Matrimonio mixto. O realizado entre unha persoa católica e outra dunha confesión distinta despois de obter un permiso especial.
maxisterio. Ensinanza, do papa e os bispos, na que se interpreta a Sagrada Escritura, a tradición, os principios morais.
mediador. Persoa que media entre outras. / Que media entre os seres humanos e Deus. Principalmente, Cristo e mediadores subordinados a El, a Virxe, os santos.
medio de difusión. Medios de comunicación social é a expresión preferida pola Igrexa.
meditación. Contemplación mental. Meditación discursiva. Oración mental en silencio coa que se reflexiona sobre episodios da vida de Cristo e outros temas bíblicos. O obxectivo é cumpri-la vontade de Deus para a vida en xeral ou sobre algunha cuestión concreta. Exemplo: exercicios espirituais de San Ignacio de Loyola.
memorial. Celebración litúrxica, principalmente a eucarística.
menesiano. Irmáns da Instrucción Cristiá. Fin: educación cristiá da mocidade.
mercedario. Da Orde da Benaventurada Virxe da Mercede. Fin: obras de misericordia. Vestidura branca: esclavina con capuchón, capa ancha e longa.
Mércores de Cinsa. Primeiro día da Coresma. Ponse cinsa na fronte para lembra-la caducidade do ser humano e que necesita unha conversión.
mérito. Recompensa pola que se aumenta a gracia cando se fan boas obras.
mesquita. Templo mahometano.
Metropolitano. Arcebispal.
milagre. Maneira de conducir ó ser humano á salvación. Os milagres non acabaron coa morte dos apóstolos, porque cando se canoniza a alguén hai que certifica-la realización dun milagre, porque en lugares santos como Lourdes espéranse novas curacións e porque hai grupos carismáticos.
Milagres de Amil, Os. Santuario na freguesía de San Amedio de Amil, concello de Moraña. A celebración é o primeiro domingo despois do 8 de setembro. Hai moitos ofrecidos con hábito e na procesión van persoas con enfermidades moi graves en cadaleitos.
Milagres de Monte Medo, Os. Santuario na parroquia de San Xoán de Vide, Baños de Molgas. A romaría é os días 7 e 8 de setembro. Ás solemnes funcións en honor de Nosa Señora van moitas persoas con cruces e estandartes.
Milagres de Saavedra, Nosa Señora dos. Santuario situado nunha pequena elevación na parroquia de Santa María de Saavedra, concello de Begonte. A festa celébrase o 24 de maio.
Minia de Brión, Santa. Santuario localizado na freguesía de San Fins de Brión, Mahía. Celébrase a romaría os días 26 e 27 de setembro.
mínimo. A orde dos mínimos foi fundada por San Francisco de Paula. Fins: penitencia, humildade e apostolado.
ministerio. Servicio.
misa. Sacramento cristián, no que a presencia de Cristo é máis plena. Misa pontifical. Misa na que intervén o bispo. M. de campaña. Ó aire libre. M. do galo. A celebrada na medianoite do 24 de decembro ó 25. M. de réquiem. A celebrada polos defuntos. M. conventual. A que se celebra nos conventos e comunidades. M. maior. A que se celebra a determinada hora do día para que vaia todo o pobo. M. crismal. A que se celebra na Semana Santa na catedral para bendici-lo aceite que se usará nos bautismos e na confirmación. M. votiva. A ofrecida por unha devoción particular sen ter en conta a que corresponde no calendario litúrxico. Misas gregorianas. As que se din durante trinta días en sufraxio dun defunto.
misal. Libro que recolle as oracións e as indicacións para celebra-la eucaristía.
misión. Encargo que fai Deus a alguén para beneficio da humanidade. / Certa zona xeográfica que polas súas circunstancias especiais (falta de clero, dificultades de comunicación...) están estructuradas eclesiasticamente de maneira diferente ás dióceses.
misioneiro. Propagador da fe relixiosa entre poboacións de diferente fe.
misterio. Cada un dos sucesos ou acontecementos relevantes da vida, morte e resurrección de Xesús. Contémplanse no rezo do rosario, polo que cada unha das partes deste recibe a denominación de misterio. Misterio pascual. Resurrección.
misticismo. Unión especial con Deus.
místico. Relativo ó misticismo. / Moi devoto.
monaquismo. Forma de vida relixiosa na que se vive asceticamente, desapegado fisicamente do mundo, en unión con Deus.
monfortano, -a. Membro da congregación clerical Sociedade Monfortana de María, fundada no século XVIII por San Luis Mª Grignion de Montfort para a evanxelización por medio das misións e das predicacións.
monición. Invitación á oración (“Oremos”, "Levantémo-lo corazón”...). Supón un momento da celebración litúrxica no que se busca a participación dos asistentes con sentimentos comúns. / Advertencia que fai a autoridade eclesiástica antes de inflixir unha censura. / Monicións. Notificación pública de casamento que se fai na igrexa.
monseñor. Título dalgúns bispos, por desempeñar unha función especialmente relevante.
moralismo. Maneira superficial de relixiosidade pola que non se ven os deberes como algo que nos dignifica, senón como simples imposicións.
morte. Final da vida terrea. Morte digna. Morte coa menor dor posible, asumida conscientemente, experimentada comunitariamente (ambiente familiar...), con asistencia espiritual, sen encarnizamento terapéutico.
mortificación. Práctica ascética que leva a renunciar a todo canto poida ser obstáculo ó perfecto amor a Deus e ó próximo. Mortificación interior. A que controla a imaxinación, a memoria. Mortificación exterior. A que controla os sentidos externos (gusto, vista, oído, murmuracións...).
mosteiro. Lugar onde reside unha comunidade de monxes. O mesmo ca convento.
movemento. Grupo de persoas que intentan vivir máis intensamente a súa condición de cristiáns: Acción Católica, carismáticos, Cursiños de Cristiandade, Lexión de María, movemento neocatecumenal... / Impulso sistemático co que se intenta, acertada ou erradamente, poñe-lo acento nalgúns aspectos nos que se considera que cómpre unha mellora: Somos Igrexa...
Movemento Familiar Cristián. Movemento de Igrexa, laical, familiarista, comunitario e evanxelizador. En equipos de 5-7 matrimonios son abordados tódolos problemas da persoa e o seu entorno social desde a perspectiva da familia e os seus valores (dignidade, igualdade, amor, paz, liberdade, xustiza, defensa da vida e da educación, compromiso na vida social e política).
Movemento Rural Cristián. Movemento de Acción Católica. Como tal, móvese no clima da acción-reflexión-acción. Pero aínda que se trata de grupos activos, están orientados máis ben a capacita-los seus membros para que se integren dunha maneira viva e consciente nos grupos da parroquia e, de non habelos, inicialos. O obxectivo é pois vitaliza-la vida da parroquia. E sempre co convencemento de que o Evanxeo é unha boa nova para o conxunto dos labregos e de que isto é así realmente cando se logra unha íntima relación fe-vida.
mulleres no catolicismo, as. A teoloxía feminista sostén que tanto na teoloxía como na organización da Igrexa hai un favoritismo co varón. Deus descríbese habitualmente en termos asociados á masculinidade, na linguaxe parece establecerse que tódolos crentes son varóns. Na organización eclesial as mulleres non teñen acceso ó sacerdocio en tódalas condicións ás que lles é posible ós varóns. Algúns argumentos favorables ou non á ordenación feminina están baseados na interpretación da Escritura: ¿elixiu Xesús como apóstolos a varóns só para adaptarse á cultura coetánea ou para deixar unha directriz permanente, sexan cales sexan as sucesivas circunstancias culturais?
Mulleres Cristiás Galegas. Grupo de mulleres crentes que, desde 1996, sentiron a necesidade de crear espacios de reflexión teolóxica e de lectura crente da loita feminista desde a realidade galega.
mundialismo. Movemento que intenta responder á globalización suscitando unha solidariedade universal entre os pobos e propoñendo institucións supranacionais dotadas da autoridade necesaria. Esta postura foi adoptada polo Concilio Vaticano II.
museo Establecemento que colecciona, conserva, clasifica e estudia obxectos de valor artístico, etnolóxico, histórico, científico, técnico, cuns fins educativo e investigador. Museos de arte sacra. Dos 285 museos da Igrexa española nos territorios diocesanos galegos: Museo Diocesano de Lugo, Museo das clarisas de Monforte, Museo parroquial de Monterroso, Museo da catedral de Tui, Museo Diocesano de Tui, Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo, Museo Parroquial de San Martín de Mondoñedo, Museo de Arte Sacra de Lourenzá, Museo Diocesano de Ourense, Museo da Catedral de Ourense, Museo de Conforto, Museo Catedralicio de Santiago de Compostela, Museo de San Paio de Antealtares, Museo Arquivo Catedralicio de Santiago, Museo Parroquial de Iria Flavia, Museo da Colexiata do Sar, Museo da Colexiata de Santa María da Coruña. Polas súas riquezas artísticas tamén poden considerarse auténticos museos o mosteiro de Santa Clara de Allariz, a abadía de Oseira e o mosteiro de San Rosendo de Celanova.
música relixiosa. O uso da música como medio oracional e catequístico sempre se considerou fundamental. En Galicia celébranse desde os anos 1980 os Encontros de Música Relixiosa en Pontevedra, que ultimamente fan fincapé na necesidade da participación activa dos fieis nos cantos.
música sacra. Canto gregoriano. Canto relixioso popular...
nadal. Decembro.
Nadal. Solemnidade do ano litúrxico que conmemora o nacemento de Cristo. Natividade.
nai de pía. Nai bautismal.
Natividade de María. Festa na que se celebra o nacemento de María polas súas especiais circunstancias (libre de pecado) e significado (salvífico).
naveta. Recipiente, moitas veces en forma de pequena nave, para o incenso que se utiliza nas cerimonias do culto.
nazareno. Imaxe de Cristo representado con roupa morada e coroa de espiñas. / Confrade que nas procesións de Semana Santa leva túnica morada.
Neno Xesús. Imaxe que representa a Xesús na nenez.
neófito. Persoa que é iniciada na fe e no culto.
neopaganismo. Correntes ideolóxicas partidarias dun aproveita- mento de crenzas precristiás: druidismo, mitoloxía nórdica ou exipcia... Maniféstase sobre todo no que se chama “nova era”.
neotestamentario. Relativo ó Novo Testamento.
Nosa Señora de Pastoriza. Santuario no concello de Arteixo. As festas son entre os días 7 e 12 de outono. Acoden mulleres en estado, mariñeiros. Tamén se visita con moita devoción un outeiro dos arredores, chamado O berce da Virxe, no que hai unha imaxe de María.
novena. Período de nove días no cal se preparan as festas patronais ou se reza máis intensamente por un defunto.
novísimos. Postrimerías. O que pasa ó final da vida: morte, xuízo, gloria ou inferno.
novo nacemento. Paso da situación de pecado á vida de gracia.
Novo Testamento. Libros bíblicos escritos despois de Cristo.
nuncio. Representante do Papa nun país.
nupcias. Matrimonio, voda.
oblato, -a. Persoa que se agrega a unha comunidade relixiosa sen deixar de permanecer no mundo segrar.
oblea. Hostia para consagrar.
óbolo de San Pedro. Colecta realizada en todo o mundo o domingo máis próximo ó 29 de xuño, festividade de San Pedro e San Paulo, e día do Papa. O recadado ponse a disposición do Papa, quen o destina ás Igrexas máis necesitadas.
obxección de conciencia. Negativa a obedecer unha orde ou disposición legal porque a consciencia leva a tal desobediencia. A base para obxectar está en que nalgúns casos aparece claro ó individuo que se contrariaría a vontade de Deus.
obxectos relixiosos. Material do máis variado tipo (cruces, medallas, estampas...) que facilita a meditación e a piedade relixiosa.
obxectos sagrados. Ademais dos vasos sagrados (véxase esta entrada) hai outros obxectos relixiosos: cruces (de altar, patriarcais, votivas, procesionais, pectorais), candelabros, cirio pascual, relicarios, ánforas.
ocio. A Igrexa recoñece a importancia do ocio na sociedade actual e fomenta o uso do tempo libre para fortalece-la saúde corporal e espiritual, enriquece-los coñecementos, profundizar nas relacións fraternas e participar nas actividades culturais humanizándoas e impregnándoas de espírito cristián.
oficiante. Que realiza as cerimonias de culto nas igrexas. Celebrante.
oficiar. Celebrar ou axudar nos oficios relixiosos, especialmente na misa.
oficio. Conxunto de cerimonias relixiosas. Oficio divino. Oracións do clero e dos/as relixiosos/as a distintas horas do día.
ofrecerse. Prometer alguén a Deus, á Virxe ou ós santos que vai facer certos sacrificios ou cumprir certos ritos para conseguir determinados favores ou como mostra de agradecemento.
ofrecido. Persoa que fixo unha ofrenda.
ofrenda. Doazón ou promesa feita a Deus, á Virxe ou ós santos para solicita-la súa axuda. Oferta.
oitava. Festa relixiosa que dura oito días.
óleos. Os sagrados óleos son as substancias oleosas coas que son bendicidos os bautizados, os confirmandos, os enfermos.
olivetano. Membro da congregación benedictina fundada no século XIV no monte dos Olivos.
opción fundamental. É a actitude básica da persoa que determina a bondade ou maldade do seu obrar, en canto que encarna o sentido radical que se dá á vida.
optimismo cristián. Ter confianza en que o mundo terrenal mellora pola gracia de Deus e as virtudes dos crentes.
Opus Dei. Prelatura da Santa Cruz e Opus Dei, que ten como obxectivo vivir a plenitude cristiá e a santificación por medio do traballo ordinario e dos deberes familiares e sociais.
oración. Rezo.
orante. Que ora. / Representación artística dun personaxe orando.
oratoriano. Da Confederación do Oratorio de San Filipe Neri. Fins: educación espiritual da mocidade, predicación familiar.
oratorio. Lugar, máis reducido que unha igrexa, destinado ó culto divino. Pode estar no interior dun hospital, colexio, casa... / Congregación relixiosa fundada por San Felipe Neri. / Composición musical de tema relixioso.
orde. (feminino). Grupo de membros dunha relixión que asumen o cumprimento duns votos que esixen máis do esixido ós crentes en xeral e seguen unha regra de vida. Esta oriéntase cara a unha vida contemplativa de oración (cistercienses), activa de servicio (franciscanos), de predicación (dominicos) ou ensinanza e misións (xesuítas). / Sacramento polo que unha persoa pasa a ser ministro eclesiástico.
orde terceira. Asociación de fieis que adoptan a espiritualidade dunha orde relixiosa desde a condición de leigos.
ordenado. Persoa que recibiu ordes sagradas.
ordenar. Conferi-lo sacramento da orde.
ordinario do lugar. Bispo ou outro prelado ó que se confía o goberno dunha diócese ou dunha circunscrición equivalente (prelatura...).
orionista. Membro da Pequena Orde da Divina Providencia, fundada polo beato Luis Orione en 1940. Os seus fins son: educación, misións, pastoral e asistencia.
ornamentos. Vestiduras que usan os ministros do culto para celebra-los ritos sagrados.
ortodoxo. Que profesa a verdadeira doutrina. / Membro da Igrexa oriental.
padre. Tratamento dado ós relixiosos ou presbíteros.
Padres da Igrexa. Son pastores da Igrexa dos primeiros séculos, dos que se tomaron as súas ensinanzas, en sentido colectivo, como o fundamento da doutrina ortodoxa cristiá. Os catro principais criterios desta designación son: antigüidade, ortodoxia, santidade, aprobación da Igrexa. Non tódolos escritos dos Padres son ortodoxos senón só aqueles nos que hai común acordo entre eles.
padriño. Persoa que se corresponsabiliza, xunto cos pais do neno bautizado ou do rapaz confirmado, da súa educación cristiá. Entre o padriño ou madriña e o que recibe o sacramento hai un parentesco espiritual.
paduano. De Padua.
pagán. Non cristián.
Pai. Deus. Pai do ceo.
pai espiritual. O que dirixe a conciencia. / Pai de pía. Pai bautismal.
painoso. Nosopai.
Paixón. Sufrimento de Cristo. / Parte do Evanxeo que narra eses feitos.
palia. Lenzo para cubri-lo cáliz.
palio. Especie de teito portátil sostido por catro ou seis varas longas, baixo o cal vai o Santísimo levado en procesión. Tamén van baixo palio os papas e outros prelados en ocasións solemnes, como o seu primeiro ingreso na catedral.
palotino. Membro da Sociedade do Apóstolo Católico, fundada por San Vicente Pallotti en 1835. O seu fin é o apostolado dos segrares.
panxoleiro. Persoa que canta panxoliñas.
papa. Presidente do colexio episcopal, isto é, do conxunto de tódolos bispos.
Papa. Órgano oficial da Igrexa
papable. Cardeal con máis probabilidade de ser Papa.
papado. Dignidade de pontífice. / Tempo durante o que se desempeña ese cargo. / Goberno e maxisterio do Papa.
parábola. Relato dramatizado que se basea na vida real e que dá unha ensinanza.
párroco. Presbítero encargado dunha parroquia.
parroquia. Territorio que está baixo a dirección espiritual dun párroco. / Igrexa onde se acolle ós fieis dese territorio.
partícula. Hostia que se distribúe ós fieis para a comuñón. / Cada unha das partes en que se divide a hostia consagrada.
pasar. Rezar sen atención
Pascua. É como un gran domingo que dura 50 días desde o domingo de Pascua (entre o 22 de marzo e 25 de abril) ata Pentecoste.
pascuela. Domingo seguinte ó de Resurrección.
pasionista. Da Congregación da Paixón de Xesucristo. Adícase ó apostalado. Leva hábito ancho rudo e mouro, capa moura deica o xeonllo, cinto de coiro.
paso. Representación plástica dun suceso da Paixón de Cristo, sobre todo referíndose á que se saca en procesión pola Semana Santa.
pastor. Guía espiritual, sacerdote. O Bo Pastor. Alegoría de Xesús. / Sacerdote da Igrexa protestante.
pastoral. Ciencia teolóxica que estudia a acción da Igrexa. / Serie de realizacións prácticas levadas a cabo polos membros da Igrexa para estende-lo Reino de Deus. / Pastoral de conxunto. A que agrupa, coordena e unifica a acción pastoral a nivel sectorial, diocesano ou nacional.
patena. Pequena bandexa ou prato no que se coloca o pan consagrado.
paternidade responsable. Actitude do matrimonio pola cal regulan o número de fillos usando métodos lícitos. Non é paternidade responsable cando os medios para lograr esa regulación son ilícitos e cando se evitan fillos para non te-las preocupacións propias da paternidade e da maternidade.
Paternóster. Oración do Noso Pai. / Parte da misa na que se reza esta oración.
patrono. Santo ou anxo que protexe á persoa do mesmo nome, ós fieis dunha diócese, cidade ou país, ou ós que teñen un determinado estado de vida ou profesión.
paúl. Membro da Congregación da Misión, fundada por San Vicene de Paúl en 1625. Evanxeliza ós pobres. Viste sotana con manteo ou balandrán, con faixa negra.
paulino. Da Sociedade de San Paulo, fundada por Santiago Alberione para evanxelizar a través dos medios de comunicación.
pavoniano. Fillos de María Inmaculada. Fins: formación espiritual e profesional da mocidade desamparada e asistencia a xordomudos.
peaña. Tarima arrimada ó altar por diante del.
pecado. Ruptura ou empeoramento na relación con Deus. Pecado de omisión. Transgresión voluntaria dun precepto afirmativo (por exemplo, non santifica-las festas), ou abstención dun ben que se debe facer. Pecado estructural. Pecado colectivo, en canto que os grupos poden ser considerados moralmente responsables das faltas colectivas e estar sometidos a xuízo. No fondo das culpabilidades sociais hai sempre responsabilidades atribuíbles ás persoas; as faltas van sumándose e xerando unha situación de opresión, de inxustiza, de pecado. / Botar pecados. Blasfemar.
pecaminoso. Que ten carácter de pecado ou está relacionado co pecado.
penitencia. Virtude que consiste na dor dos pecados e que conleva un cambio de vida.
penitenciaría. Tribunal onde se despachan dispensas.
penitenciario. Presbítero que na confesión pode absolver censuras ou pecados que teñen reservada a absolución ó Bispo.
Pentecoste. Festa na que se celebra a chegada do Espírito Santo ó grupo dos apóstolos. Ocorreu ós cincuenta días de resucitar Xesucristo.
perdoanza. Acción e efecto de perdoar. / Indulxencia, perdón dunha pena.
perdoar. Absolver.
peregrinación. Acción de ir a un lugar de especial significado relixioso para obter beneficios corporais (saúde) ou espirituais (perdón...). Peregrinaxe
peregrino. Que fai unha peregrinación.
perícopa. Pasaxe da Biblia que se le en determinadas ocasións do culto litúrxico, como os trozos do Evanxeo dos domingos.
persignarse. Face-lo sinal da cruz.
pertenza relixiosa. É o modo de ver, de coñece-la Igrexa, de adherirse a ela e de deixarse inspirar por ela no comportamento.
pesimismo cristián. Ter confianza en que a vida eterna compensará os fracasos inevitables e a condenación no mundo terrenal.
peto de ánimas. Pequena construcción, xeralmente de pedra, coa representación das ánimas do purgatorio enmarcada e unha hucha ou peto cavados na mesma pedra que ten unha portiña de ferro ou un buraquiño para botar moedas; sitúase á beira dos camiños e a súa finalidade é recibir esmolas para sufraxios polas ánimas do purgatorio.
pía bautismal. Recipiente das igrexas en que se administra o bautismo.
pía de auga bendita. Recipiente na entrada do templo con auga bendita na que os fieis mollan a punta dos dedos antes de persignarse.
piedade. Devoción, virtude que inspira devoción ás cousas santas ou cara ó culto divino. / Representación artística da Virxe, co corpo sen vida de Cristo sobre os xeonllos.
pietismo. Excesiva afectación de piedade ou devoción relixiosa.
pincerna. Leigo que axuda ós sacerdotes na catedral.
píxide. Vaso para garda-las partículas consagradas.
plano pastoral. Programación para un ou varios anos na que o bispo ou o consello pastoral diocesano marca as directrices pastorais.
pluralismo. Actitude de mutuo respecto e tolerancia, por riba da diversidade. Na Igrexa trata de conxugarse a riqueza que supón o pluralismo coa riqueza que tamén é a unidade no esencial.
pobo de Deus. Igrexa.
pobreza de espírito. Actitude espiritual contraria á avaricia e á escravitude do poder económico. O despego interior debe ir acompañado de obras exteriores.
política. Actividade que ordena a vida pública. Para non entorpece-lo seu labor pastoral cos fregueses dos demais partidos, ós cregos non lles está permitida a participación activa nun partido. Pola súa parte, o cristián debe apoiar medidas políticas que intenten mellora-la sociedade, así como debe ser caritativo con quen ten ó seu carón. Á Igrexa en xeral só lle son posibles dúas actitudes en relación coa política: pronunciarse, facendo política conscientemente; permanecer en silencio, facendo política inconscientemente (quen cala outorga). A Igrexa non pode elixir se fará ou non política, senón só a favor de quen a fará.
pontificado. Dignidade de pontífice. / Tempo durante o que se desempeña ese cargo.
pontífice. O Papa ten o título de Sumo Pontífice, ou Romano Pontífice.
porta santa. Porta tapiada da catedral de Santiago que permanece aberta durante os anos santos.
pórtico da gloria. Pórtico na catedral de Santiago de Compostela, realizado polo mestre Mateo. É obra cumio da escultura occidental cristiá.
postulación. Petición, de ingreso nunha congregación relixiosa ou da beatificación ou canonización dunha persoa.
postular. Pedir.
practicante. Cumpridor fiel das prácticas relixiosas.
prebenda. Renda dunha catedral ou colexiata asignada a cada cóengo en razón do seu servicio na mesma.
prece. Oración. / Preces, en plural, son os rezos por ocasión dunha calamidade pública.
predela. Base ou banco dun retábulo que normalmente ten uns pequenos compartimentos nos que poden estar representadas escenas relacionadas coas da parte superior.
predicación. Acción de anuncia-la mensaxe de Deus. A súa principal forma é a homilía.
prefecto. Nos colexios relixiosos, persoa encargada da formación dos mozos e de mirar pola súa disciplina.
pregar. Desenvolver un asunto en prédica ou sermón. / Pronunciar un sermón.
pregaria. Prédica, sermón. / Súplica en voz alta.
prelada. Superiora dun convento.
prelado. Eclesiástico que ocupa calquera das dignidades superiores da Igrexa, como bispo, arcebispo ou abade. / Superior dun convento ou comunidade relixiosa.
prelatura. Determinada porción do pobo de Deus atendida por un prelado que a rexe do mesmo xeito que un bispo.
prensa católica. Nos anos 1930 un grupo de leigos (Iglesias Vilarelle, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo...) dan a súa orientación a unha das revistas máis importantes da época: Logos; concretamente, búscase a popularización do tema relixioso e a aproximación do ideario católico a sectores que ata entón consideraban inconciliables relixión e nacionalismo. Nos anos 1940-1950 hai publicacións vinculadas a Acción Católica (Ambiente, Acción Católica Femenina) e relacionadas cos estudios xacobeos: Compostellanum, unha das revistas galegas de maior fondura investigadora; Compostela, que aínda existe hoxe, como órgano de expresión da Arquiconfraría do Apóstolo. No ámbito pedagóxico temos Padres y Maestros.
prepósito. Título que se dá ó Superior dalgunhas congregacións relixiosas.
presbiterio. Lugar do templo que rodea ó altar, reservado ós presbíteros durante a celebración litúrxica. / Conxunto de presbíteros dunha Diócese.
presbítero. Sacerdote ordenado que fai presente a Cristo nas actividades cultuais e caritativas. Anima, coordena e integra os diversos servicios e ministerios polos que se realizan a predicación, a liturxia, a caridade e a dirección da comunidade.
presidente de asamblea. Ministro da Palabra. Membro da comunidade cristiá que, en ausencia do sacerdote, preside a celebración comunitaria da Palabra.
preste. Eclesiástico.
primado. O primeiro nunha xerarquía. Dise, por exemplo, do Papa sobre os bispos, do bispo dunha nación sobre os demais.
primeira comuñón. Primeira recepción do sacramento da Eucaristía.
prior. (O feminino é prioresa). Persoa que, despois do abade, ostenta a maior xerarquía do mosteiro.
priorado. Casa na que habitan algúns monxes que pertencen a un mosteiro principal, gobernados por un prior que nomea o abade do mosteiro. / Territorio con xurisdicción dun prior.
priscilianismo. Doutrina dun personaxe do século IV chamado Prisciliano. A súa teoría caracterizábase polo rigor ascético. Quítalle valor á tradición eclesiástica e á autoridade exclusiva da xerarquía.
procesión. Acto de ir ordenadamente en asemblea dun lugar a outro en celebración relixiosa. Procesión de mortallas. Procesión de penitentes que estiveron a piques de morrer.
profano. Realidade común, non reservada a Deus. Hai dúas actitudes básicas: 1) rexeitamento do mundo, por exemplo, mediante a elevación mística por riba da realidade mundana; e 2) o dominio do mundo profano; por exemplo, o control ascético do corpo pola oración, o xexún.
profesión de fe. O feito de proclamar publicamente os contidos centrais da propia fe expresándose no culto e na maneira de vivir. Confesión de fe. / A fórmula que expresa os contidos principais da fe. Credo, símbolo de fe.
promesa. Garantía de que o pobo elixido terá descendencia,
terra propia e un mesías.
proselitismo. Afán por converter a outros cara a propia relixión. Agora é usado o termo “evanxelización”.
protomártir. Primeiro mártir.
protonotario apostólico. Dignidade eclesiástica, con honores de prelado, que o Papa concede a algúns eclesiásticos.
providencia. O coidado que Deus ten do mundo e de cada unha das persoas.
provincia. Conxunto de casas ou conventos que unha orde relixiosa, un instituto, teñen en certo territorio cun mesmo superior.
provisor. Xuíz eclesiástico coa autoridade do bispo.
próximo. Todo ser humano. Ó considerar así, o cristianismo convértese nunha relixión que supera tódolos códigos éticos tradicionais baseados en vínculos familiares ou patrióticos.
purgatorio. Encontro purificador con Cristo na morte.
purificación. Acción pola que o ser humano adquire a disposición necesaria para entrar en contacto coa divindade. Purificación artística. Os templos deben prescindir, na medida do posible, do inauténtico (flores artificiais, xeso imitando pedra...), de pezas sen valor artístico nin devocional que poden estar tapando outras con eses valores e de pezas incompatibles coa fe e os costumes.
Purificación. Festa celebrada en honor da Virxe.
purificador. Pequeno lenzo que utiliza o sacerdote na misa para purifica-lo cáliz.
Purísima. Título que se lle outorga á Virxe en virtude da súa concepción inmaculada.
puritanismo. Actitude favorable a profesar con rigor as virtudes e incluso alardear diso.
púrpura. Dignidade dos cardeais.
púrpurado. Elevado á dignidade de cardeal ou prelado.
recollemento. Acción de desvia-la mente do mundo exterior e concentrala en obxectos interiores do pensamento, nun mesmo ou en Deus.
recomendación da alma. Rito co que se axuda ó moribundo a morrer santamente.
rectoral. Casa onde vive un cura ou varios e que é propiedade da Igrexa.
redención. Restablecemento da amizade con Deus gracias a Cristo, que fai partícipes ós seres humanos da súa mesma vida.
Redentor. Cristo.
redentorista. Da Congregación do Santísimo Redentor, fundada por Santo Afonso Mª de Ligorio en 1932. O seu fin é anuncia-la Palabra. Vestidura: sotana con manteo ou balandrán, con faixa negra.
refectorio. Comedor dunha comunidade.
Regnum Christi. Movemento de apostolado que actúa en sete áreas fundamentais: misións, promoción humana e cristiá de xente necesitada, difusión da doutrina católica, institucións educativas, promoción da familia, medios de comunicación social, colaboración espiritual cos sacerdotes diocesanos.
regra. Conxunto de principios doutrinais e de normas prácticas que encarnan o espírito do fundador dunha orde ou congregación. Constitucións. Regra de ouro. Principio moral enunciado por Xesucristo (Mateo VII, 12): “Así que tódalas cousas que quixerades que os homes fagan con vós, así tamén facede vós con eles; porque esta é a lei e os profetas.” O rabino Hillel aconsellaba: “O que non queiras para ti, non o fagas ó próximo”; unha máxima xainista di: “O ser humano debe esforzarse por tratar a tódalas criaturas como a el lle gustaría que o tratasen”; e os sikhs afirman: “Trata ós demais como ti quixeras ser tratado.” Tamén Platón dicía: “Que me sexa dado facer ós outros o que eu quixera que me fixesen a min.” A diferencia principal coa ensinanza de Cristo está en que El consideraba a regra de ouro como a expresión práctica de algo máis profundo: o amor a Deus e ó próximo (Mateo XXII, 37-40).
regular. Que vive sometido a unha regra relixiosa. (Clero regular).
Reino de Deus. É a utopía evanxélica, o reinado do amor. É interior e colectivo ó mesmo tempo. Chegou xa pero aínda non está completo. Vén a tódalas partes onde o pobre é tratado como un ser humano, onde os inimigos se reconcilian, onde se promove a xustiza, onde se establece a verdade, a beleza e o ben.
relacións Igrexa - Estado. Para os membros da Igrexa a lealdade é antes de nada con Deus. Apoiarán ó Estado se este permite ós cidadáns que o desexen vivi-los valores cristiáns. E se o Estado se opón ós principios cristiáns, hai que opoñerlle resistencia. En caso de haber unhas relacións moi estreitas entre a Igrexa e o Estado, poderían confundirse os papeis, cunha Igrexa apoiando indiscriminadamente as políticas estatais ou un Estado perseguindo ás relixións coas que non mantén tan estreitas relacións.
relacións interconfesionais. As actitudes teolóxicas ante esta cuestión son variadas: actitude exclusivista, pensando que a postura propia é a única correcta; pensar que tódalas relixións teñen verdade, bondade e espiritualidade, pero que é a propia a que as posúe nunha medida máis plena; unha actitude comprensiva entre as relixións; actitude relativista, isto é, a que ve tódalas relixións como relativas con respecto á verdade.
relicario. Lugar ou caixa onde se gardan reliquias.
reliquias. Restos do corpo dos santos, xeralmente dos seus ósos. Tamén se inclúen obxectos que usou o santo. Van acompañados de documentos autentificadores.
relixión. Conxunto de crenzas e comportamentos referidos a unha realidade concibida como obxectiva, suprema, trascendente e coa cal o home individual e colectivo sente que ten unha relación e unha dependencia. Segundo a definición de relixión como conxunto de respostas coherentes ós dilemas da existencia humana –nacemento, enfermidade, morte...- tódolos seres humanos son relixiosos porque todos eles se enfrontan a tales dilemas.
relixiosidade Actitude pola que se está disposto a descubrir un significado superior nas cousas que se viven. Relixiosidade popular. Modalidade propia da relixiosidade na cultura de cada pobo. O adxectivo popular non hai que entendelo como referente a unha clase social senón como o conxunto de persoas nas que converxe unha mesma actitude relixiosa, unha mesma relixiosidade. Relixiosidade substitutiva. Intentos, diferentes da relixión, de articular un sistema totalizante de significación e unha forma integrada de vida: fascismo, comunismo, secularismo, ultranacionalismo, cientifismo. Os que se adhiren a estes “ismos” son persoas que antes podían estar adheridos a unha fe relixiosa.
relixioso. Monxe ou frade.
renacer. Nacer a unha vida nova, particularmente á vida sobrenatural. Este nacer de novo ten lugar no bautismo.
Renovación Carismática. Grupos de oración con carismas e ministerios moi distintos, desde os máis contemplativos ós máis implicados socialmente. Máis institucionalizadas dentro da Renovación Carismática témo-las "Comunidades de Alianza", pois os membros dalgunhas delas chegan a establecer promesas de pobreza, amor, servicio, perdón. E tamén aquí hai diversidade: unhas comunidades teñen poucos membros e outras teñen miles. Pero sempre aparecen dous compoñentes: a oración no Espírito (coa práctica do silencio, a loanza a Deus, o canto, a lectura, a profecía, e unha expresión corporal de acollida á acción do Espírito cos ollos cerrados e as mans abertas) e a experimentación da efusión do Espírito (conseguindo dons para a santificación persoal e carismas cos que axudar á evanxelización do mundo, concretamente o don da profecía e o da curación).
renuncia. Práctica pola que un se nega a si mesmo alimentos, relacións sexuais ou posesións materiais por motivos relixiosos. Serve para o crecemento espiritual. A Igrexa impón a renuncia ós fieis cando establece a abstinencia en períodos concretos.
repenique. Certo toque de campá continuo e vibrante que se oe nos días de festa e nas procesións. Repique, repenicado.
reprobación. Condenación eterna da persoa que rexeita adherirse ó ben e ó ben absoluto (Deus).
reserva. Pan consagrado que se garda no sagrario para que comunguen enfermos, persoas que non puideron participar na celebración comunitaria e para que sexa adorado. / Acción de ocultar solemnemente no sagrario o santísimo sacramento despois de que estivese exposto á adoración dos fieis.
responsabilidade informativa. Modo de proceder dos xornalistas polo que se fai todo o posible para cumpri-los deberes éticos e deontolóxicos propios da súa profesión. E sempre coa finalidade de que o público acceda ó coñecemento das verdades esenciais para a convivencia humana.
responsable parroquial. Leigo que dirixe unha comunidade.
responso. Canto ou oración con que se intercede polos defuntos.
resurrección. Acción de volver á vida.
retábulo. Obra de arte que cobre un muro detrás do altar, feita sobre madeira, pedra ou metal con pinturas, esculturas ou obras de ámbolos dous tipos.
retribución. Recompensa otorgada por Deus a cada un.
revelación. Manifestación de Deus.
revestirse. Coloca-los ornamentos o presbítero para unha celebración litúrxica.
revisión de vida. Método de autoformación cunha metodoloxía sintetizada en tres verbos: ver, xulgar, actuar. Por exemplo, reflexiónase sobre un texto bíblico, que é confrontado detidamente cos casos da vida, e despois vén o compromiso.
revolución Cando se descoñece a esixencia ético-social (por exemplo, o desprezo da solidariedade por parte do liberalismo ou da liberdade no caso do comunismo) provócase unha reacción espontánea na conciencia de moitos, mobilizándose as forzas que levan á revolución. Pois ben, cando esta non está impulsada unicamente pola paixón do interese inmediato, está xustificada a revolución en razón da validez dos principios éticos. Ademais, aí está presente a providencia divina.
rezo. Oración.
rito. Cerimonia realizada segundo unhas pautas preestablecidas. / Parte dunha cerimonia (rito de comuñón, rito penitencial). Prácticas rituais litúrxicas: as dos sacramentos. Prácticas rituais devocionais: invocación á Virxe e ós santos pedindo algo, beizóns en familia. Prácticas rituais piadosas: aprende-las oracións a un neno, adorna-la sepultura. Prácticas rituais solidarias: velorio. Prácticas rituais costumistas: bicar unha puñada de terra e botala sobre o féretro. Prácticas rituais médicas: ir ofrecidos a santuarios, deixar exvotos. Prácticas rituais folclóricas: festas de aguinaldo en Nadal, Aninovo, Reis. Rituais cultuais,os celebrados nas igrexas os domingos. R. festivos, os celebrados o día do nacemento de Xesús e con motivo doutros acontecementos importantes. R. sacramentais: Eucaristía, ordenación, bautismo, matrimonio... R. de paso, nas etapas fundamentais da vida, coincidindo en parte con algúns rituais anteriores (bautismo, matrimonio).
rogacionista. Membro da Congregación de Padres Rogacionistas, que busca estende-las vocacións, a oración e o apostolado.
romana. Da Igrexa católica dise que é “romana” por ser Roma onde Pedro e Paulo fixaron a sé principal da Igrexa establecida no medio da xentilidade.
romaría ou romaxe. Peregrinación ou viaxe a algún lugar relixioso. / Festa popular ó redor dunha ermida ou santuario.
Romaxe de Crentes Galegos. Actividade que a Asociación Irimia leva a cabo cada segundo sábado de setembro en distintos puntos de Galicia. Consiste nunha celebración relixiosa e eucarística que ten un talante festivo e de compromiso cos valores culturais galegos. Reúne cada ano uns 5000 romeiros.
romeiro. Peregrino. Persoa que vai en romaría
rosario. Rezo da Igrexa Católica co que se conmemoran os misterios máis importantes da vida de Cristo e da Virxe. En 1966 aparece O Rosario na lingua galega, de Manoel González Rodríguez. / Enfiada de contas. / Conxunto de persoas que rezan publicamente o rosario.
rosetón. Abertura circular na parede dun templo; ten vidreiras.
saba santa. Peza de tea coa que envolveron a Xesucristo cando o depositaron no sepulcro.
Sábado de Gloria. Sábado Santo.
sacerdocio. Dignidade ou funcións do sacerdote. S. común. Condición de tódolos bautizados, pola que cada un se converte nunha ofrenda persoal a Deus e pola que se debe dar testemuño da fe. S. ministerial. Responsabilidade de bispos e sacerdotes de anuncia-la Palabra, santificar polos sacramentos e conduci-la comunidade de fieis con vistas á salvación, manténdoa na caridade e na unidade.
sacerdote. Ministro de Deus.
sacralizar. Dar carácter sagrado a algo ou alguén profanos.
sacramental. Signo sagrado instituído pola Igrexa co cal se obtén un beneficio espiritual. Sacramentais das persoas: profesión relixiosa, funeral, oracións para moribundos. Sacramentais das cousas: dedicación das igrexas, consagración de altares, beizón de campás, auga bendita, óleos. Sacramentais mixtos: exorcismos.
sacramentalizar. Comunica-los sacramentos. / Pexorativamente, multiplica-los signos sacramentais sen procurar no mesmo grao ilustrar, fortalece-la fe dos que os reciben.
sacramentar. Administra-los sacramentos, especialmente a eucaristía e a unción de enfermos.
sacramentino. Da Congregación do Santísimo Sacramento, que ten como obxectivo vivi-la Eucaristía en toda a súa plenitude e explica-lo seu sentido ó mundo.
sacramento. Comunicación da gracia divina. Últimos sacramentos. Os administrados ó enfermo en perigo de morte: reconciliación, eucaristía e unción de enfermos.
sacrificio. Renuncia a algo ben valorado e a súa transferencia a Deu