CUESTIÓNS  HISTÓRICAS

 

ÉTIMOS

 

acólito vén do grego akótlythos, que significa compañeiro. Ese nome dábase en Grecia a certos escravos privilexiados que acompañaban ós seus señores a todas partes. A palabra grega deriva á súa vez de kéleuthos: camiño ( o que seguían xuntos os compañeiros).

 

aleluia procede do hebreo allelu Yah, expresión que quere dicir loade a Iavé.

 

averno. A  través do latín provén do grego áornos, que significa sen paxaros, por alusión ó ambiente típico do inferno. Cerca de Nápoles hai un lago chamado Averno, con emanacións sulfurosas e que antano era considerado unha das portas do inferno.

 

basílica, en sentido estricto, é unha construcción pública da época romana, composta por unha gran sala rectangular dividida en naves por filas de columnas, con unha ou dúas ábsides. En canto á palabra, procede do grego basilikée ‘suntuosa, rexia’, que á súa vez deriva de basileus ‘rei’ (de básis ‘base’ e laós ‘pobo’; ou sexa, o sostén do pobo).

 

 

bautizar ‘administra-lo bautismo’ ten como étimo o grego baptizein ‘zambullar, somerxer’, pola auga que se emprega nese acto.

 

 

belén procede do nome da localidade onde naceu Xesús: Bethlehem. Na provincia de Lugo tamén hai unha aldea co nome de Belén, pero a orixe desta palabra non ten que ver co topónimo asiático, senón cun celta: Belenos.

 

biblia. Do grego bibliá ‘os libros’. Isto é, o libro dos libros, ou o libro por excelencia. Como se sabe hai moitas palabras que comezan por biblio- (<biblion, diminutivo de bíblos ‘libro’): biblioteca, bibliogrfía, bibliófilo, etc.

 

bispo. Do latín episcopus, que á súa vez deriva do grego epískopos  ‘vixilante’. A palabra grega formárase con epi ‘sobre’ e sképtesthai ‘observar’.

 

calvario. Unha das acepcións desta palabra en portugués é ‘monte’. En efecto, Calvario é un nome de lugar, que procede do latín Calvarium (‘sitio onde abundan as caveiras’), procedente á súa vez de Calvariae locus, monte próximo a Xerusalén, onde foi crucificado Xesucristo. O da abundancia de caveiras é polas dos reos, que en gran número, eran axustizados no lugar.

 

campá. As primeiras campás comezaron a usarse nas igrexas dunha rexión de Italia: Campania. E daí vén o nome.

 

camposanto. Así se chamaba un sector do cemiterio de Pisa, no que se esparexera terra procedente dos Santos Lugares (por iso o nome recibido por esa parte do cemiterio). Esa terra tiña ó principio moito carbonato de sosa, co cal, os cadáveres consumíanse nun par de días.

 

capela. Do latín cappella ‘capa pequena’. É porque San Martiño entregou un trozo de capa a un mendigo para que se cubrise e á capela que no lugar onde tal ocorreu foi erguida para albergar aquela reliquia.

 

cardeal. Do latín cardinalis ‘principal’, á súa vez derivada de cardo, inis ‘eixe’. Alúdese ó importante cargo que ten na xerarquía católica.

 

Catecismo chega ó galego desde o latín catechismus, que tomou a palabra do grego katekeo ‘instrucción a viva voz’ < ecos ‘son, eco’. A estructura de preguntas e respostas dos catecismos antigos foi imitada por obras non relixiosas, como o Catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal.

 

catedral. En última instancia provén do grego kathedra ‘asento’. Alúdese ós vistosos asentos que ocupaban os que se reunían durante as cerimonias solemnes. A cadeira situada no lugar máis alto era a do bispo, de onde vén “sé episcopal” ‘cadeira episcopal’. Por todo iso, unah catedral é a igrexa onde está a cadeira do bispo.

 

cemiterio. Do latín coemeterium (< grego koimeterion ‘dormitotio’). Dise que é o lugar onde se dorme porque os defuntos dormen en espera do xuízo final.

 

cenobio. Do grego koinós ‘común’ e bios ‘vida’. Ou sexa, lugar onde os monxes facían vida en común, mosteiro.

 

clero. Do grego kleeros ‘herdanza, o que cae en sorte’. Refírese a que o clero é unha porción da herdanza de Deus.

 

cónclave. Do latín cum ‘con’ clavis ‘chave’. É por tratarse dun lugar que se pecha con chave ata que os cardeais designan papa.

 

Coresma ten como orixe o latín quadragesima dies, aludindo ós corenta e seis días que van do Mércores de Cinsa ó Domingo de Resurrección.

 

lavabo. O nome desta oración litúrxica procede do latín lavabo ‘lavarei’ (futuro do verbo lavare ‘lavar’), sendo a primeira palabra do salmoXXVI, 6 (“lavabo inter innocentes, manus meas”). De ser verbo pasou a ser substantivo, co significado de lugar para asearse.

 

pagán. Do latín paganus ‘aldeán’ (de pagus ‘aldea’). É que os aldeáns e os campesiños foron os últimos en converterse ó cristianismo, que se difundiu primeiro nos centros urbanos.

 

parroquia. Do grego paroikía, que á súa vez deriva de pará ‘preto’ e oikos ‘casa’. Ou sexa, reunión de casas próximas. De aquí pasou a significar ‘territorio que está baixo a xurisdicción espiritual do cura’.

 

Pentecoste ten a súa orixe no  grego pentekoste ‘quincuaxésimo (día)’. Os xudeus celebraban a Festa dos Primeiros Froitos ós 49 días da Pascua e os rabinos déronlle o nome de Festa dos Cincuenta Días ou Pentecoste, pois incluían o día de Pascua. Nesta festa tamén se celebraba o recordo da entrega a Moisés das Táboas da Lei. 

 

retábulo. Provén do latín retro ‘detrás’ e tabula ‘táboa’.

 

segrar. De secular, do latín saecularis, que á súa vez procede de saeculum ‘século’. Segrar é o pertencente á vida do século ou vida mundana.

 

sínodo. Do grego syn ‘con, xuntamente’ e hodós ‘camiño’. Así pois, é unha reunión polo camiño, ou un camiñar xuntos.

 

solideo. Do latín soli Deo ‘só a Deus’ en canto que os eclesiásticos que o usan só o quitan ante o sagrado.

vilancico. Diminutivo derivado de vilán, palabra coa que se designaba na Idade Media a quen non era nobre. Ó principio, o vilancico era unha copla que cantaban os viláns.

xubileo. Do latín jubilaeus < grego iobelos < hebreo yobel ‘carneiro’. O nome da festa hebrea vén de que era anunciada cun chifre de carneiro.. No latín, o termo recibiu influencia de jubilum ‘alegría’

 

 

 

ÉTIMOS  COMÚNS

 

alma-ánima

deán - decano

fe-fregués

presbítero-preste

laico-leigo

monago-monxe

preboste-prepósito

santigar-santificar

secular-segrar

 
 
 
 
VOCES  REFERENTES  A  CURIOSIDADES  ANTIGAS

 

bautizo de campás. Bendición das campás, cos seguintes actos: exorcismo, lavatorio, imposición de nome, padriño, uncións, incenso, canto, lectura do Evanxeo.

 

bispos intrusos. Durante as rexencias de María Cristina e Espartero (1833-1843), os gobernos desterraron ós gobernadores eclesiásticos varias dióceses, entre elas a de Lugo. Aquí impuxeron primeiro a José María Padilla (non recoñecido polo cabido) e logo a Policarpo Romea (falecido antes de puidese tomar posesión). En Mondoñedo tamén houbo bispos intrusos substituíndo ó que tivera que escapar.

 

cadea de refuxio. Nas paredes exteriores dalgunhas igrexas había dúas argolas que sostiñan unha cadea á que se agarraban os delincuentes que escapaban dalgunha autoridade. Desa maneira quedaban baixo o abeiro eclesiástico e podían ser absolvidos.

 

cornos do altar. Poliedros que formaban corpo coa pedra do altar, situados nos seus catro ángulos. Asirse ós cornos do altar un delincuente ou un sospeitoso equivalía a invoca-lo dereito de asilo.

 

excomuñón a matacandeas. Excomuñón que se fai pública acompañando o acto de apagar candeas meténdoas en auga.

 

ironía. Antigamente designaba unha especie de depreciación sarcástica dun mesmo co obxecto de causar escándalo ou de enganar ós outros ocultándose ós seus ollos. Pecado contrario á humildade e oposto á veracidade. Oponse tamén á fanfarronería, pola cal o vaidoso di máis do que é, aínda que en realidade pode pola intención aproximarse a aquela.

 

onolatría. Culto do asno. Unha lenda calumniosa referida por Xosefo e que data dos anos 200 a.C. atribuía ós xudeus a adoración dun ídolo con cabeza de ano. Máis tarde repetiuse contra os cristiáns a mesma acusación de adorar un asno, un home con cabeza de asno ou nacido de cópula cun asno: sábese polos testemuños de Arnobio no século IV e de Minucio Félix e Tertulianono III, e por diferentes grafitti ou motivos esculpidos ou gravados, aínda máis antigos.

 

pertigueiro. Ministro secular que, nas catedrais e colexiatas, acompañaba ó oficiante levando unha pértega. Durante a Idade Media era un cargo importante desempeñado por nobres.

 

sabatarios. Sectas cristiás que observaban o sábado, negándose a acepta-lo domingo.

 

sacacans. Oficio existente antigamente nalgunhas catedrais.

 

xerofaxia. Acción de alimentarse só de pan, de sal, de legumes secas e de auga. A forma máis austera de xexún na Igrexa primitiva. 

 

 

 

 

ALGÚNS  LATINISMOS

 

 

agnus Dei. Año de Deus.

ánxelus. Oración composta por 3 versículos (o primeiro comeza coas palabras “Ángelus Domini”), tres avemarías e outra oración. Rézase a mediodía e pola tarde.

Caritas. Caridade

ex abundantia cordis. A frase completa é "ex abundantia cordis os loquitur" 'da abundancia do corazón fala a boca'. Significa que o corazón, cando ten sentimentos nobres, maniféstanse externamente por medio da palabra, das expresións. E pode interpretarse que, polo contrario, os sentimentos malvados tenden a permanecer silenciados.

I.N.R.I. Iesus Nazarenus Rex Iudeorum = Xesús Nazareno, rei dos xudeus.

in saecula saeculorum. Polos séculos dos séculos.

lectio divina. Lección divina. Lectura e meditación da sagrada Escritura. Soe segui-los seguintes esquemas: lectura-meditación-oración-contemplación ou ben, partir dos feitos da vida para comprende-lo seu significado e a súa mensaxe.

magnificat. Engrandece.

memento. Expresión latina que significa ‘lembra’. Son dúas oracións recitadas durante a misa polos vivos e polos defuntos.

miserere. ‘Ten piedade’. Salmo penitencial que comeza con esa palabra e que se recita ou canta nos ritos penitenciais e nas exequias.

ora et labora. ‘Reza e traballa’. É o lema dos monxes bieitos que sintetiza o sue ideal de vida.

R.I.P. Requiescat in pace = descanse en paz, referíndose ós defuntos.

tultiloquium. (necidade, a linguaxe do tolo). Tolemia particular, que consiste en declara-los praceres da luxuria superiores a calquera outra cousa e que resulta da cegueira do espírito causada pola luxuria.

Te Deum. A Ti, Deus.

urbi et orbi. Á cidade e ó mundo. A cidade é Roma, pois é a beizón urbi et orbi é a bendición papal. Por confusión coa palabra romance “orbe”, ás veces dise erradamente *urbi et orbe.

vade retro. Despois da terceira tentación de Satanás a Xesús, este dille: “Arreda, Satanás” (Mateo, 4, 10). Úsase cando algo nos anoxa ou cando queremos esconxurar algo horrendo. ¡Arrenégote demo!, ¡Deus nos libre!

via crucis. Camiño da cruz.

 

VOCES ENTRESACADAS DE TEXTOS RELIXIOSOS LATINOS

 

iniquitate. Irse o irmán iniquitate = Morrer. “Iniquitate” quere dicir aquí morto. O texto do que se sacou a palabra é o dun responso.

 

recorderis. Botar un recordero = Reprender. Nun responso dise a frase “ne recorderis”.

 

San Apión. Deformación de “Hosanna pium”.

 

Turra da burra. Deformación de “turris eburnea”

 

 

VOCES PROCEDENTES DE NOMES PROPIOS BÍBLICOS

 

barrabasada. (“O tal Barrabás era un bandido”, Xoán, 18, 40). Acción insensata, trasnada grave, barbaridade.

belén. (De Bethlehem localidade onde naceu Xesús). Lío, (pola afluencia de xente)

benxamín.

caifás

cireneo. (“Ó saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón, e obrigárono a leva-la cruz de Xesús”, Mateo, 27, 32). Persoa que axuda a outra a sobrelevar un castigo.

cristo. Crucifixo. / Persoa de aspecto magoado; eccehomo.  

herodes.

lázaro. Persoa pobre. / Persoa co corpo cheo de pústulas, chagas.

lucifer. Home moi malo.

macabeo. Víctima.

madalena. Muller penitente.

matusalén.

pilatos. Covarde

salomónico, xuízo ou solución = Xuízo ou valoración que se fai con cordura e sabedoría. Tamén se aplica ó caso en que se soluciona un contencioso a partes iguais, aludindo a sentencia con que o rei Salomón resolveu o caso de dúas mulleres que reclamaban ser nais do mesmo neno.

sambenito. Descrédito que se fai recaer sobre alguén.

sansón. Home excepcionalmente forte.

Satán. Persoa perversa.