Manuel Anxo Laxe Freire (Galicia hoxe, domingo, 17 xullo 2005)
Sabido é a importancia e transcendencia que as nosas parroquias tiveron historicamente na vertebración de Galicia.
Naturalmente que o concepto que hoxe temos deste termo e, sobre todo, considerado desde unha perspectiva de circunscrición eclesiástica urbana nada ten que ver co significado e características da parroquia tradicional.
Sábese ademais que as parroquias rurais eran xa unhas entidades organizativas anteriores á chegada do cristianismo e realmente, neste caso, como no seu equivalente administrativo das dioceses, as autoridades eclesiásticas simplemente aproveitáronse dunha infraestrutura existente; unha división, por outra parte bastante lóxica e que, con pequenas variacións, foi chegando ata os nosos días.
En calquera caso, a maioría das parroquias galegas, tal como se coñeceron tradicionalmente, están feridas de morte ou a piques de se converter noutra cousa ben distinta. A industralización e mais a urbanización modernas quitáronlles a súa razón de ser, malia que aínda continúen co mesmo nome, igrexa e patrón, tal como acontece coas que están situadas á beira das grandes urbes, e polo tanto beneficiáronse do seu proceso de expansión demográfica, pero os seus vínculos de cohesión e de identidade característicos desapareceron practicamente, e pouco importa que haxa asociacións culturais ou de veciños que reivindiquen usos e costumes tradicionais, e que traian grupos artísticos e musicais máis entroncados e comprometidos co noso pasado cultural. Calquera dos novos habitantes das parroquias da ría do Burgo, de Vilaboa ou de Culleredo sentiranse moi a gusto na súa nova situación, pero o seu corazón sigue tirando para a súa aldea de procedencia, tanto dá que sexa da Terra de Melide como da montaña lucense, porque calquera galego desta procedencia, sempre que poida, nunca faltará á festa do patrón na súa parroquia de orixe.
Unha festa ou celebración que seguramente xa non responde ás súas expectativas, cando aquela era unha ocasión para reunir arredor dunha mesa de xantar a todos os membros dunha longa familia troncal.
Sei de moitos paisanos ós que xa non lles queda ningún parente vivo na súa antiga parroquia, nin sequera son católicos practicantes e non obstante aquel día van á misa, á procesión e pasan unha xornada inmersos entre unhas xentes e máis unha paisaxe que aínda son capaces de volvelos ós días da súa infancia.
Non se trata soamente dunha viaxe de nostalxia á procura duns días pasados pero que ninguén quere dar por perdidos. Trátase de persoas que evidentemente están respondendo a unha chamada dunha terra e dunha historia concreta, que a moitos lles evocarán unhas lembranzas de acordo coas súas vivencias e mais coa imaxe que os seus parentes e antergos lles transmitiron do pasado.
Todos saben que no adro ou cemiterio parroquial se atopan as cinzas de moitos dos seus devanceiros. Sempre se dixo que a lembranza do pasado é outra forma de volvelo vivir, e de feito, así que sobrepasamos unha determinada idade, a maioría da xente ten unha inclinación innata a recrearse na evocación dos acontecementos que foron enchendo os días da nosa vida pasada.
Tanta é a súa importancia que se chegou a dicir que calquera tempo pasado sempre foi mellor: un tópico que dista moito de ser verdade, porque sen lugar a dúbidas, e malia as moitas crueldades e inxustizas que, por desgraza, acontecen nos nosos días, en realidade vivimos nun mundo mellor.
Naturalmente que nos doe a perda de moitos valores morais e culturais propios dos tempos idos, pero tampouco podemos esquecer que dentro daquelas sociedades teocráticas ou mesmo máxicas e supersticiosas existía unha enorme dose de violencia. Poucas eran as festas ou romaxes que, por moita devoción que concitasen darredor do santo patrón ou dunha santiña, non terminaran en escenas de volencia e sangue.
Loxicamente que, desde unha perspectiva presente, preferimos evocar unhas escenas folclóricas ou costumistas que xa hai moitos anos que desapareceron. As antigas romaxes verdadeiramente ofrecían toda unha radiografía sociolóxica do seu tempo. O exemplo máis emblemático é o do Baldadiño de Valle-Inclán, no que paradoxalmente, unhas persoas conseguen gañar a vida á conta dunha desgraza familiar.
En realidade aquelas sociedades tan inxustas e depauperadas mandaban ás festas fatos de esmoleiros e pediñentos, pero tampouco faltaban os músicos e trobadores populares que animaban a moitos labregos que tiñan poucas oportunidades para se divertir.
Deixa unha resposta