O nome de Páramo, segundo a súa etimiloxía indoeuropea, fai referencia a un lugar chan e elevado. Así é a xeografía desde concello, onde se combinan paisaxes de montaña e de ribeira, cun centro ben protexido de terras de labranza de gran riqueza productiva que forman unha gran chaira. Nada que ver coa connotación que esta palabra ten no diccionario da Real Academia Española de “terreno yermo, raso y desabrigado, lugar sumamente frío y desamparado”.

 Atopámonos nun concello eminentemente rural, pois non existe ningunha vila, nin cidade, e a súa capital está clasificada, segundo o nomenclátor de 1981, como Aldea. Todo isto fai que se conserve toda a beleza, pureza e bondade natural presentes sempre nos pobos de Galicia, agachada moitas veces polos falsos avances tecnolóxicos que deshumanizan a vida diaria.

 Unha influencia determinante no xeito de ser das súas xentes foi a grande espiritualidade que se respirou ó longo dos séculos e que se pode atopar reflexada en edificios de gran valía como son as igrexas de Friolfe, Grallás, Gondrame ou Vileiriz. Son centos de anos de historia –a primeira referencia ó Páramo aparece no ano 572- onde a fe das súas xentes quedou plasmada tamén nos seus costumes e tradicións.