San Antón Abade – Celébrase na parroquia de Adai

posted in: ADAI | 0

San Antón Abade – 17 de xaneiro

San Antón é un exemplo de liberdade: vivindo nunha sociedade pagá, el fixo a opción de seguir a Cristo. Retirouse ao deserto, pero non foi unha simple fuxida do mundo, pois en momentos críticos acudía á cidade para defender o catolicismo das doutrinas herexes.

Nace Antón cara ao ano 250 nunha pequena poboación preto da desembocadura do río Nilo, en Exipto. Aos vinte anos comeza a levar unha vida ascética ata que uns anos despois faise eremita. Chegamos así ao ano 305, cando unha multitude, do contorno ao que se retirara san Antón, acudía onda o santo para oír as súas ensinanzas. Ademais de predicar, cura enfermos, expulsa demos. Á súa morte, aos 105 anos de idade, deixou varios mosteiros por todo Exipto, dos que sairían outros grandes santos.
Unha historia que se conta de san Antón é a seguinte. Estaba el recreándose cuns irmáns cando aparece un cazador do deserto ao que non lle gustou ver como os outros descansaban. Antón díxolle: “Pon unha frecha no teu arco e ténsao”. Así o fixo o cazador, pero Antón seguiu dicíndolle: “Ténsao un pouco máis”. Volveuno facer o cazador. Antón aínda lle dixo unha vez máis: “Continúa tensándoo”. O cazador respondeu: “Se tenso o arco máis aló da medida, vou rompelo”. Antón dixo: “Sucede o mesmo na obra do Señor; se suxeitamos aos irmáns máis aló da medida, eles acabarán destruídos. Cómpre, pois, condescender de cando en vez coas súas necesidades”. O cazador marchou convencido e os irmáns retornaron ao seu lugar fortalecidos.
Cóntase na vida de Antonio que houbo ocasións en que a loita contra as tentacións foi fisicamente tan esgotadora, que un día foi atopado con toda a aparencia dun morto. O pobo organizoulle o funeral e o presunto morto, ao recobrar o alento, ergueuse e volveu á súa dura soidade.
Cara ao ano 285, cando Antonio andaba polos 35 anos de idade, foi en busca doutro lugar máis afastado e solitario, e atopouno na beira dereita do Nilo, en Pispir: un deserto espantoso, onde había unha fortaleza abandonada, infectada de serpes. Alí estivo Antonio até pasados os cincuenta anos. A fama de santo corría e xurdiron curiosos e discípulos. Para protexerse de posibles visitas construíra un muro. Pero a impaciencia das xentes, que acudían inutilmente a velo e escoitalo chegou ao seu límite, e derrubaron o muro: puideron contemplar ao mestre pleno de serenidade, de pureza e de vivencia da presenza de Deus. Todo el era unha invitación a vivir aquela vida, dura en extremo, pero fonte segura de felicidade e de paz
O ensino de Antonio cativaba a quen acudían a el. E, aos poucos, foron formándose comunidades que tiñan como norma o estilo de vida de Antonio. Tradicionalmente viuse neste fenómeno o nacemento do monacato oriental, cara ao ano 305. Pero aqueles cenobitas e eremitas non vivían de costas aos sufrimentos da Igrexa. Cando o emperador Galerio Valerio Maximino Daya iniciou a súa cruenta persecución, Antonio e algúns dos seus discípulos, que vivían no deserto sen perigo, foron a Alexandría, onde aumentaba a persecución, para alentar aos cristiáns en perigo.
Á morte de Paulo o Simple (un campesiño que cando o abandonou a súa esposa se converteu en anacoreta e discípulo seu), dise que Antón enterrouno coa axuda de dous leóns e outros animais, de aí que sexa o patrón dos sepultureiros e dos animais; en Galiza, sobre todo, dos ataques ao gando por lobos e aves de rapina. A orde dos antonianos estableceuse en varios puntos do Camiño de Santiago e atendía, principalmente, aos enfermos con doenzas contaxiosas.

Cóntase o caso dunha muller que se puxo a lavar a roupa no día do santo xustificándose coa seguinte frase: “San Antón non che me lava a roupa”. Pero ao ir meter no pilón a man, caeulle, e aínda hoxe se conserva momificada en San Francisco de Ourense. Nalgún outro punto de Galicia, cando se pregunta a un de quen é o gando, ás veces óese como resposta: “meu e máis de san Antón”
Nos séculos XVIII, XIX e XX Antón ou Antonio son nomes que están entre os máis frecuentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.